miércoles 26.02.2020
Memoria lingüística na Limia

Vilar de Santos reivindica a memoria lingüística dos nosos devanceiros

O Concello de Vilar de Santos sumouse este ano aos actos do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia

Imaxe ao remate do evento no cemiterio de Parada.
Imaxe ao remate do evento no cemiterio de Parada.

O Concello de Vilar de Santos sumouse este ano aos actos do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia. Nun acto organizado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e apoiado polo Concello de Vilar de Santos, máis de medio cento de persoas se reuniron en torno ás lápidas –o pasado día 28– do cemiterio de Parada para reivindicaren unha dupla homenaxe. En palabras do rexedor "galeguista" de Vilar de Santos, Xan Jardón, tratábase dun "recoñecemento aos nosos devanceiros e ás súa memoria cultural e lingüística". Mais tamén se trataba, ao cabo, dunha homenaxe á lingua propia, a cal "temos a obriga de conservar, protexer e transmitir ás xeracións futuras".

Algúns veciños asinando a

A idea desta celebración xorde coa intención de lembrar que, a pesar de que é unha práctica habitual nos camposantos a instalación de lápidas en castelán, a maior parte das persoas que alí xacen eran persoas que falaban galego. Co ánimo de corrixir tal discordancia e, aínda que tal decisión cínguese ás esferas persoal e familiar, o alcalde limián afirma que "como concello temos a obriga de conservar, contribuír e transmitir, ás próximas xeracións, este patrimonio herdado, que é a nosa lingua e a súa normalización e uso en todos os ámbitos".

Ao igual que noutras ocasións se fixera en concellos coma Marín ou Vilagarcía, e baixo o lema "En galego, agora e sempre", o promotor da iniciativa, Xosé González, tomou a palabra para transmitir aos presentes os obxectivos da campaña, así como para poñer de manifesto a "dicotomía" de que "as persoas que falan e pensan en galego en vida" rematen logo enterradas baixo "lápidas en castelán". 

Placa conmemorativa instalada no cemiterio de Parada.

"Foi un acto moi emotivo" afirmaba o rexedor após o remate do evento no que se descubriu unha inscrición co texto "Na memoria de todos os que aquí xacen, porque gracias a eles Galicia segue a ter lingua e cultura de seu".  Ao remate do acto distribuíronse entre os presentes unhas "actas de vontades" mediante as cales deixaban rexistrada a súa intención de que se realizaren os actos do seu pasamento "en galego". Tamén se recoñeceu a labor de normalización desenvolvida polo crego Miguel Fernández.

Comentarios