domingo 08.12.2019

VILAR DE SANTOS RETOMA AS ACTIVIDADES DO PROGRAMA DE ENVELLECEMENTO ACTIVO 2019-20

No Programa 2019-20, co Centro de Día de Vilar de Santos continuaremos co proxecto “Saber envellecer”,
Actividades Envellecemento 2019 Vilar de Santos-
Actividades Envellecemento 2019 Vilar de Santos-

O Programa de Envellecemento Activo do Concello de Vilar de Santos está dirixido fundamentalmente ás persoas maiores do municipio, con actividades adaptadas que se desenvolverán no Multiusos da Casa do Concello desde hoxe 13 de novembro, todos os luns, mércores e xoves. Esta iniciativa púxose en marcha no ano 2009 e forma parte do Plan de Igualdade e Benestar impulsado polo Concello con diferentes programas e actividades abertos á veciñanza. Nestes anos de  funcionamento do Programa fomos introducindo melloras e novidades que teñen posibilitado a participación e dinamización social de mais de 550 veciños e veciñas e cunha gran influencia na mellora da súa calidade de vida e benestar.

O Obradoiro de Ximnasia Activa,  semanalmente todos os luns e mércores, está dirixido por unha fisioterapeuta. Tratase de ximnasia suave adaptada aos maiores e que ten como obxectivo promocionar a autonomía persoal. Busca mellorar o seu benestar físico e emocional a través de exercicios de ximnasia adecuados a cada un dos participantes. A actividade física é un medio de prevención da dependencia e de mantemento da saúde. Preservar a saúde física, psicolóxica e social, permite conservar a autonomía durante o maior tempo posible facilitando a independencia funcional ao tempo que concienciamos á poboación da necesidade de adquirir hábitos biosaudables.

Cando o bo tempo o permita, o programa realizarase nos parques biosaudables do concello. Haberá un servizo de asesoramento para o bo uso dos aparatos baixo a supervisión da monitora. Tamén nos meses de verán, ampliaremos as actividades incorporando a psicomotricidade acuática na piscina municipal.

Actividades Envellecemento Vilar de Santos 2019

No Programa 2019-20, co Centro de Día de Vilar de Santos continuaremos co proxecto “Saber envellecer”, semanalmente todos os xoves, neste caso a partir do mes de xaneiro, con obradoiros de ximnasia biosaudable, andainas, memoria en movemento, bailoterapia, relaxación, xerontoximnasia, xogos cooperativos ou psicomotricidade cos obxectivos de prevención da dependencia, fomento da autonomía persoal e mantemento da saúde impartidos e dirixidos polo equipo interdisciplinario do Centro: psicóloga, traballadora social, enfermeira, fisioterapeuta e xerocultora. Exercicios para a vida diaria para mellorar as dificultades propias da idade, ademais de manter o corpo e a mente en forma.

Cos mesmos obxectivos, tamén continuaremos colaborando co programa de “Termalismo Social” da Deputación de Ourense, no que participaron 38 veciños e veciñas maiores de 50 anos nas diferentes quendas no Balneario de Cortegada.

Paralelamente na Aula CEMIT do Concello, Aula de Referencia e incluída na rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica da Xunta, polas tardes, organizaranse actividades para acercar o uso das novas tecnoloxías entre a poboación do concello, con temáticas específicas para os maiores.

Estas iniciativas complementaranse con outras actividades, cursos, conferencias programadas, que ofrecen alternativas e que fomentan a convivencia e a participación veciñal nos diferentes espazos e lugares do concello.

VILAR DE SANTOS RETOMA AS ACTIVIDADES DO PROGRAMA DE ENVELLECEMENTO ACTIVO 2019-20