ADEGA, o SLG e Stop Eólicos informan sobre a ameaza dos macro parques eólicos mañá en Xinzo

Pancarta reivindicativa na marcha ao Larouco en xullo
ADEGA, o SLG e Stop Eólicos informan sobre a ameaza dos macro parques eólicos mañá en Xinzo

A charla informativa pública terá lugar no Salón de Plenos do Concello de Xinzo a partir das 5 da tarde.

Sobre as comarcas da Limia pende a ameaza de varios proxectos de macro polígonos eólicos sen que a veciñanza teña recibido unha información suficiente para se defender nun proceso de participación pública cada vez máis limitado polos continuos cambios normativos para acelerar os procedementos de avaliación ambiental.

Cartel da charla 26N contra a ameaza eólica na Limia
Cartel da charla 26N contra a ameaza eólica na Limia

Esta mesma semana saíu a exposición pública o denominado polígono Lamas II, separado e individualizado do proxecto Lamas de Feás que recibiu unha rotunda contestación social en Calvos de Randín, Baltar e Os Blancos a principios de verán, contestación que tamén se estendeu á LAT de Greenalia, unha liña de alta tensión que partiría do complexo que a mesma compañía pretende instalar entre A Aguioncha e Pena Loba.

Desde principios de mes, a plataforma STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA vén coordinando unha campaña de alegacións contra os proxectos, tamén a exposición pública nestes momentos, que fan parte do complexo Mistral-Tramontana, 15 aeroxeradores de 180 metros de altura sobre a Serra do Larouco e A Boullosa, que na práctica suporían unha ampliación encuberta do polígono de 49 aeroxeradores que Iberdrola mantén sobre o Larouco.

Destes e doutras macro centrais eólicas, entre elas o parque de 25 aeroxeradores de 215 metros de altura sobre a serra de San Mamede no Macizo Central entre Vilar de Barrio e Laza, falarán mañá ADEGA Monterrei, o Sindicato Labrego Galego e o Club de Parapente Baltar, na charla informativa no Salón de Plenos do Concello de Xinzo a partir das cinco da tarde.

O acto aberto á veciñanza servirá ademais para presentar a celebración do Día das Montañas, o próximo 11 de decembro, no que a coordinadora Eólica Así Non mobilizará as plataformas e colectivos ecoloxistas de toda Galiza en defensa dos nosos montes e espazos naturais protexidos como o maior parque natural do país, O Xurés, o propio Macizo Central e as reservas da biosfera Gerês-Xurés e área de Allariz, en risco pola ameaza eólica.