jueves. 11.08.2022

O arranxo da pista de A Rotea, en Lamas, incluirá a instalación de sinalización vertical para mellorar a seguridade viaria

O prazo de execución é de 4 meses e o presuposto para levar a cabo as obras nun total de 1.125 metros de vía ascende a 52.783 euros

A ROTEA
A ROTEA

Dar un impulso ás condicións de vida nas aldeas mediante o acondicionamento das vías que dan acceso ás parcelas agrarias, que son os canais de entrada e saída das producións rurais. Este é o principal obxectivo do Plan Marco da Xunta de Galicia, que inclúe o arranxo da pista de A Rotea, no lugar de Lamas. A Administración autonómica financiará así unha actuación que non só se centrará na mellora do firme, senón que incluirá a instalación de sinalización vertical para mellorar a seguridade viaria.

No proxecto para dotar dunha nova imaxe a esta pista de Xinzo de Limia traballaron da man a concellería de Medio Rural, que dirixe Amador Díaz, e a de Urbanismo, representada por Ramón Gómez. Este último edil insistiu na importancia de arranxar a vía deste punto do rural: “Co arranxo do firme, que está moi deteriorado, preténdese tamén mellorar a comunicación das explotacións agrícolas e gandeiras, facéndoas así máis competitivas”. Deste xeito, facilitando o tránsito de maquinaria conseguirase unha mellor axilidade das operacións e unha redución de costes e tempo necesario para poñer os produtos no mercado.

A obra na pista de A Rotea conta cun presuposto de 52.783 euros e ten un prazo de execución de catro meses. Os traballos estenderanse por un total de 1.125 metros de vía e, ademais do arranxo do firme, incluirán a limpeza e o perfilado de cunetas. Ademais, nos cruces realizarase un reforzo asfáltico de catro metros. A instalación de sinalización vertical contribuirá a mellorar a seguridade viaria.