Auga limpa xa! apela ao respecto e á convivencia

augas limpas xa
Auga limpa xa! apela ao respecto e á convivencia

Queriamos facer uns apuntamentos respecto ao escrache sufrido onte na feira de Xinzo a membros desta plataforma.

O primeiro lembrarvos que, como temos definido en diferentes notas de prensa, Auga limpa xa! NON é un colectivo ecoloxista, é unha plataforma cidadá formada por veciñas e veciños das comarcas da Limia, Baixa Limia e Celanova, de diferentes sectores, moitas delas agricultores e gandeiros en extensivo.

Por outra banda, queremos insistir en que esta plataforma veciñal NON se manifestou en contra das granxas intensivas na Limia. Onte só fixemos uso do noso dereito a informar cunha mesiña duns feitos, a contaminacións dos nosos acuíferos por nitratos, constatados polos organismos oficiais do Estado Español e a Unión Europea. Este dereito a expresarnos e informar foinos usurpado a berros, insultos e coaccións nunha desmostración de forza intolerable organizada, como temos coñecemento e probas, dende hai días por Adegal.(Queremos agradecer a condena a estas ameazas expresada no seu perfil de Twitter do Conselleiro do Medio Rural José González)

Dende que a principios deste ano naceu Auga limpa xa! fixemos compatible a defensa do noso dereito a unha auga potable e dunhas aldeas saudables co respecto dos intereses das granxeiras e granxeiros, por iso sempre nos nosos comunicados e actos así como na Mesa da Limia pedimos uns prezos xustos para a súa produción cárnica e que os custos da obrigada xestión dos xurros sexan cubertos como custos de produción. O que non é compatible é un modelo de produción industrial contaminante que só enriquece á industria, a uns poucos, cunha comarca con futuro para todas e todos.

Hai acusacións falsas e actitudes que non se poden tolerar, con todo, seguimos apelando á respecto e a convivencia.