O BNG acada o apoio unánime da Deputación Provincial para demandar medidas urxentes á Xunta ante a probábel declaración da Limia como Zona Vulnerábel

Campos de colza na Limia no mes de maio
O BNG acada o apoio unánime da Deputación Provincial para demandar medidas urxentes á Xunta ante a probábel declaración da Limia como Zona Vulnerábel

Bernardo Varela sina a que a Xunta non pode seguir ignorando unha problemática que afecta á principal zona agrogandeira do País, e que constitúe non só un problema social e económico senón tamén un problema de saúde pública.

Bernardo Varela, voceiro do grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, puxo de relevo a aprobación por unanimidade de todos os partidos políticos con representación na Deputación da moción que levaba a pleno o grupo nacionalista para a adopción de medidas urxentes ante o problema de contaminación nas comarcas da Limia e a Baixa Limia e para evitar a ameaza de declaración das mesmas como zona vulnerable por nitratos.

Bernardo Varela (pleno deputación)
Bernardo Varela (pleno deputación)

Esta problemática é de especial transcendencia ao ser o territorio de maior importancia agrogandeira do País, sinala Varela, e a Xunta non pode seguir negándose a afrontar o problema como leva facendo desde fai moito tempo. “As consellerías de medio rural e medio ambiente deberían ter tomado medidas xa fai tempo para evitar que esa declaración non chegase a prosperar”.

A día de hoxe vistas as circunstancias entendemos, e así o entenderon o resto dos partidos políticos con representación na deputación de Ourense, que as medidas non poden demorarse. Por iso acadamos que todos os grupos políticos apoien os tres puntos de resolución da moción presentada polo BNG.

En primeiro lugar, reclamar da Xunta de Galiza que a través da Consellería do Medio Rural faga público con carácter inmediato o “Plan Estratéxico do Sector Agrario da Limia” xa rematado en Novembro do ano 2021, e que se implementen con carácter inmediato os fondos necesarios para escomenzar a executar as súas determinacións neste mesmo ano 2022

Hai que destacar que este plan estratéxico é un plan no que se acadou por acordo dos actores sociais implicados na Mesa da Limia onde participaron: colectivos de agricultores, gandeiros, asociacións agrarias, concellos da Limia, organizacións ambientalistas, colectivos ecoloxistas, o CETECA, a IXP Pataca de Galicia, o Linorde baixo a Coordinación do GDR Limia Arnoia e a Fundación Juana de Vega que acadaron un Plan de mínimos para actuar. O problema é que a Consellería de Medio Rural lévalle fuxindo moito tempo a este problema e seguen sen tomarse as acción necesarias para comezar a reducir esta problemática.

En segundo lugar, acordouse reclamar da Confederación Hidrográfica Miño-Sil que como organismo da Conca do Río Limia emprenda as accións conducentes a minimizar a contaminación das augas e a mellora e optimización dos sistemas de regadío.

En terceiro lugar, instar á Xunta de Galiza a facer público en que estado se atopa o expediente de declaración da Limia como “Zona vulnerábel por nitratos” e que medidas ten tomado ata este instante para evitar esta declaración, si é que efectivamente ten tomado algunha

No mes de maio de 2022, lembrou o voceiro nacionalista, o Estado a petición da Unión Europea fixo unha proposta de declaracións de zona vulnerables e nela entra este entorno da Limia.

“Non podemos seguir cunhas institucións que tapan os ollos e non afrontan o problema para dar solucións. Porque é un problema non só de carácter social e económico senón tamén un problema de saúde pública.”

A veciñanza da Limia e do conxunto da provincia merecen que a Xunta de Galiza como administración competente tome medidas para frear este problema.