jueves 15/4/21

O BNG de Celanova e Limia Baixa, alega contra os eólicos na Casa da Neve e pide á Xunta que rexeite o proxecto de BayWa

Alertan da debilidade das institucións locais para defender á veciñanza e piden que as autoridades galegas determinen e protexan “as aspiracións das poboacións no que atinxe ás características paisaxísticas da súa contorna” tal e como recomendan os convenios internacionais.
Máquina no parque eólico do Vieiro, moi próximo á área onde se proxecta novo polígono
Máquina no parque eólico do Vieiro, moi próximo á área onde se proxecta novo polígono

O BNG de Celanova rexistrou onte no Concello de Celanova unha serie de alegacións ao documento inicial do proxecto de instalación dun polígono eólico na Casa da Neve, de capital cento por cento alemán e impulsado pola empresa BayWa, dirixidas á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galiza, encargada da tramitación do proxecto. As nacionalistas advirten á Xunta sobre afeccións á paisaxe, ao patrimonio histórico e cultural, ao medio ambiente e á saúde que se desprenden do proxecto, asinado pola consultora Engage Intelligenty en xuño de 2020 e en exposición pública desde o pasado mes de febreiro.FRAGMENTACIÓN CONTRA PARTICIPACIÓN.

O BNG de Celanova chama a chama a atención dos avaliadores sobre a fragmentación do proxecto en varios proxectos pendentes, xa que o documento inicial fai referencia explícita a 8 informes que adía a unha fase posterior, entre eles, os estudos de ruído, o de impactos sobre o patrimonio, a memoria arqueolóxica ou o proxecto de liñas de evacuación (o tendido eléctrico de alta tensión que levará a enerxía até a unha subestación na xunto a central de Frieira, a uns 17 quilómetros en dirección oeste). Esta fragmentación, “non parece ter outra razón que a de eludir o control público para a protección do medio ambiente”, sinala o escrito do BNG de Celanova, que entende que se está a dificultar “a participación do público, as autoridades locais e outras partes interesadas”, protexidas no Convenio Europeo da Paisaxe así como os “os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente” que garanten tanto o Convenio de Aarhus como a Lei 27/2006 estatal a a propia Constitución española (art.45).

AFECCIÓNS AO MEDIO, Á PAISAXE E O PATRIMONIO.

1. Vista da área da Casa da Neve desde Amoroce, en Celanova - copia

Vista da área da Casa da Neve, dende Amoroce en Celanova

O BNG de Celanova comparte nas súas alegacións a denuncia de afeccións xa sinaladas por colectivos ecoloxistas e veciñanza a título particular en escritos que son públicos e que tiveron en conta as nacionalistas á hora de redactar as súas alegacións. Entre as principais afeccións, as nacionalistas recollen as referidas aos impactos ambientais recoñecidos pola mesma empresa que asina o proxecto: afeccións directas a tres cursos fluviais (entre eles, a Corga de Sampil, sobre a que río abaixo o Concello de Celanova e a CHMS proxectan unha intervención paisaxística), a hábitats catalogados e especies en perigo de extinción (2) ou vulnerábeis (16), alén doutros danos directos á fauna e a flora; así como outros impactos como a destrución de solos, a perda da calidade das augas, o aumento da erosión que tamén son fonte potencial de impactos sobre a saúde humana, ademais dos efectos do ruído sobre a saúde dos habitantes das poboacións próximas ás máquinas. Tamén se denuncian as afeccións sobre a paisaxe nunha área, subliñan as nacionalistas, incluída dentro das zonas de maior exposición visual no Catálogo das Paisaxes de Galiza, e cun deseño do polígono que incumpre “de modo flagrante” as Directrices da Paisaxe Galega, en particular os Obxectivos da Paisaxe no seu punto 12, referido á necesidade de planificar “explotacións extractivas nas serras (…) segundo criterios acordes cos valores paisaxísticos e coas adecuadas dimensións, minimizando o seu impacto visual” (12C.2) e tendo en conta “o seu efecto acumulativo na paisaxe” (12C.3); así como a Directriz 16. O BNG de Celanova, que a semana pasada presentou unha moción para o seu debate no pleno do próximo día 7, na que solicita do Concello de Celanova que tramite de maneira urxente a catalogación da área da Casa da Neve como lugar a protexer como paso previo árealización dunha prospección arqueolóxica, reclama nas súas alegacións que “tendo en conta a relevancia histórica, monumental e cultural de Celanova e o potencial arqueolóxico por descubrir, debe prevalecer o interese cultural e arqueolóxico sobre o aproveitamento enerxético”. SINERXIAS PERIGOSAS. Finalmente, as nacionalistas tamén advirten neste primeiro escrito de oposición a respecto da situación do polígono proxectado en relación a novos proxectos a desenvolver e recollidos no Plan Eólico Sectorial de Galiza. O polígono construiríase a uns 4 quilómetros do límite da Reserva da Biosfera Transfroteiriza Gêres-Xurés, a 3 quilómetros da Reserva da Biosfera da Área de Allariz, e a uns oito quilómetros o noroeste dunha área de REDE NATURA 2000, “polo que é sensato concluír que se toparía nun espazo susceptíbel de ampliación futura da Rede, impedindo ou dificultando esa figura de protección, cando menos, nos próximos 25 anos”. Os propios promotores asumen que a proximidade ao parque eólico do Vieiro (19 aeroxeneradores en funcionamentos desde o 200) producirá “efectos sinérxicos en explotación no referente ao ruído, a fauna e a paisaxe”. Sobre a fauna, sinala que eses efectos sinérxicos poden “aumentar o risco de colisión da avifauna e dos morcegos”. Ademais, recoñece que no caso da paisaxe cabe esperar “unha imaxe de continuidade podendo xerar fatiga no observador”. O BNG de Celanova tamén compartiu publicamente un resumo das alegacións en formato adaptado o rexistro dixital que está a ser utilizado por cidadás e cidadáns en todo o país para opoñerse a diferentes proxectos en marcha. Este resumo pódese consultar na web comarcal (https://celanovabaixalimia.bng.gal/).