CABALLERO EN VERÍN: “SODES UN ORGULLO PARA TODA GALICIA PORQUE FOSTES O XERME DUNHA VITORIA FRONTE AOS QUE QUEREN ACABAR COA SANIDADE PÚBLICA”

Caballero_acto_Verin
CABALLERO EN VERÍN: “SODES UN ORGULLO PARA TODA GALICIA PORQUE FOSTES O XERME DUNHA VITORIA FRONTE AOS QUE QUEREN ACABAR COA SANIDADE PÚBLICA”
O candidato socialista á presidencia da Xunta participou nun mitin xunto aos candidatos ourensáns, Marina Ortega e Juan Carlos Francisco, no que tamén estiveron o alcalde da vila e o subdelegado

“Sodes un orgullo para toda Galicia porque fostes o xerme dunha vitoria fronte aos que queren acabar coa sanidade pública”. Así o dixo o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, nun mitin en Verín ante 400 personas onde tamén participaron a número 1 ao Parlamento pola provincia de Ourense, Marina Ortega; o candidato número 2, Juan Carlos Francisco; e o alcalde, Gerardo Seoane. Os socialistas puxeron o foco nas “políticas regresivas” contra a sanidade pública que está a sufrir a comarca de Monterrei e prometeron un “cambio imparable”.

caballeroGonzalo Caballero dixo que “este é o mitin máis importante da campaña” porque “simboliza a defensa dun dereito como o da sanidade pública en todos os rincóns de Galicia”. “Feijóo é un presidente indigno”, proclamou antes de trasladar aos veciños e veciñas de Verín que “son un orgullo para toda Galicia porque fostes o xerme dunha vitoria fronte aos que queren recortar servizos”. Así mesmo criticou o “cheque indigno co que Feijóo quixo comprar aos sanitarios” antes de salientar que “temos unha Galicia moito peor que hai 11 anos” polo que “non me resigno a que o PP deixe unha Galicia peor e máis cativa”. “Queremos reconstruír Galicia”, anunciou.

O líder socialista resaltou o papel de Rafa Villarino a fronte do partido na provincia polo seu traballo “freando o caciquismo decimonónico a pesar dos ataques” e de Emilio Afonso “o mellor subdelegado de Galicia”.

A número 1 ao Parlamento de Galicia, Marina Ortega, destacou que “estamos ante as eleccións máis importantes” dos últimos anos e criticou ao presidente da Xunta polo “abandono” das súas responsabilidades: “foi a lexislatura contra o rural e non a lexislatura do rural”. “Todos a unha porque o pobo decide e por iso temos que ir a votar a Gonzalo Caballero”, incidiu.

Ortega denunciou que “Feijóo está a atribuírse méritos que son de todos e todas” sobre a actuación do presidente galego ante a pandemia, unha actitude que cualificou como unha “vergonza”. Tamén proclamou que, se o 12 de xullo Caballero é presidente, os socialistas comprometeranse “cos nosos maiores que levan toda a vida traballando para que poidan vivir dignamente ao final da súa vida” nas residencias con 2.000 novas prazas públicas, “pero tamén con aqueles que non queiran ir a un destes centros”.

O número 2 da candidatura pola provincia, Juan Carlos Francisco, destacou a figura do secretario provincial, Rafa Villarino, “que está sufrindo un ataque persoal do cacique” porque “lle estás facendo dano e iso quere dicir que estás a facer o traballo moi ben”. “Tes o apoio de todo o PSOE”, dixo entre aplausos.

Francisco advertiu que Feijóo “ten agora as mesmas intencións que tiña hai uns meses” para o desmantelamento do hospital de Verín e da sanidade comarcal. Anunciou o compromiso do PSOE para repoñer desde a Xunta “todas as especialidades que tiña o hospital de Verín antes do ano 2009 e que foron desmanteladas por Feijóo” e tamén destacou o compromiso “sólido” para desenvolver o polígono de Tamagos.

“Sanidade pública, servizos públicos e igualdade dos cidadáns vivan onde vivan”, proclamou o candidato como “mantra” do PSdeG fronte a un lema “valeiro” do PP onde se “esconden as siglas do partido” e un candidato conservador que “se avergoña do seu partido”.

Pola súa banda, o alcalde, Gerardo Seoane, reclamou o voto o vindeiro domingo para darlle un pulo a Verín co apoio dun presidente socialista da Xunta porque “do goberno da Xunta neste momento é máis factible esperar unha multa que unha solución” ás necesidades da vila, polo que instou “a actuar con pragmatismo” para “saír adiante co diálogo”.