miércoles 08.04.2020

Cantámoslle os reis do quiquiriquí; se non nos dan nada, marchamos deiquí!

O CDR O Viso recuperando e promocionando os cantos de reis

Cantámoslle os reis do quiquiriquí; se non nos dan nada, marchamos deiquí!

Unha tradición habitual do Nadal limiao era ir cantar polas casas; grupos de mozas, mozos, nenas e nenos percorrían a aldea ou parroquia cantando estas pezas da literatura popular e transmitidas oralmente ó longo dos séculos. A cambio do seu cantar solicitábase o aguinaldo, xeralmente en especie (viño, chourizos, touciño, doces, lambetadas, etc.), que despois consumían todos xuntos facendo una festa ou foliada.

reis lodoseloAínda que o tipo de composición mudase para cada data, a tradición de reunírense os da aldea para ir cantar de casa en casa estas pezas tradicionais era a mesma por todo o país, e o obxectivo tamén: conseguir algo de xantar e algunhas lambetadas para monta-la festa. En Nadal cantábanse panxoliñas ou nadais, en Fin de Ano as Xaneiras, Manueis ou Aninovos e a véspera de Reis os cantares de reis ou aguinaldos.
Consideramos fundamental manter vivas as nosas raíces, e esta tradición, que trascende ó relixioso, tivo grande arraigo na Limia, terra de música a esgalla. Desde o CDR “O Viso” mantemos  o compromiso de ser ponte para que este patrimonio non esmoreza, en colaboración con CEIPs da comarca, asociacións etc. tentando recuperar tan fermosa costume nas nosas aldeas.

Esta mañá xa se adiantou o alumnado de educación infantil (3 anos) do CEIP Carlos Casares de Xinzo a pedir o aguinaldo polas rúas e prazas de Xinzo. A próxima semana tocará cantar os reis en colaboración co CEIP de Sarreaus e a Casa Niño de Lodoselo e as persoas do Centro de Inclusión do CDR "O Viso". Alumnado de infantil e de primaria do CEIP Rosalía de Castro volverán a saír un ano máis co xa clásico: "Aguinaldo pido con disposición, ovos e torresmos, caixas de turrón."

E xa en xaneiro, e como vén sendo tradición, achegarémonos a Vilar de Santos para pedir o aguinaldo en colaboración coa taberna cultural "A arca da Noe".