miércoles 28/7/21

CDR “ O VISO” QUERE AGREDECER PUBLICAMENTE A COLABORACIÓN DE FUSIÓN S.C.

GALA SOLIDARIA ROCK STAR15

fusion3
fusion3

O sábado 13 de xuño, día no que tivo lugar a GALA SOLIDARIA ROCK STAR15, foi un día onde imperou a diversión, o altruismo e o compromiso; un acontecemento solidario onde, alén do habitual, a moeda de acceso non foron cartos, senón alimentos e/ou roupa para a xente que os precisa.

Diversión para todas aquelas persoas (menores, persoas adultas, maiores…) que acudiron ao Pavillón de deportes de Xinzo de Limia a gozar, participar nalgún dos eventos previstos; altruismo, pola súa parte ao contribuíren á entrada con alimentos e/ou roupa para poboación en situación de necesidade e compromiso por parte das persoas que participaron na organización, empresas e entidades colaboradoras… congregando entre todas a moita veciñanza que decidiu disfrutar dun acontecemento diferente en Xinzo e de axuda a persoas que o precisan. 

Sen dúbida a aposta polo valor social da xente da comarca foi o momento que reuniu a máis persoas, cando participaron os nenos e as nenas e os seus achegados foron velos, aínda que tamén nos concertos de rock onde acudiu a xuventude.

Dende o C.D.R. “O Viso” queremos agradecer a FUSIÓN, S.C. por depositar a súa confianza en nós un ano máis para percibir os alimentos recadados na Gala Solidaria ROCK STAR15; dar as grazas a todas as persoas que contribuíron a facer máis doado o día a día de moitas familias que están atravesando situacións complicadas… Ademáis das contribucións materiais tamén é de destacar o tempo invertido solidariamente por parte do persoal voluntario que colaborou na recollida da alimentación e roupa, e das persoas que participaron voluntariamente con FUSIÓN, S.C. para que entre todas poidan facer realidade un evento solidario desta envergadura.

Esta importante contribución permite ao C.D.R. O “O Viso” apoiar o desenvolvemento do Programa de Atención Urxente a Persoas en Risco ou Exclusión Social, programa subvencionado dende o Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad a cargo da convocatoria do IRPF 2014, a través do cal vimos desenvolvendo un reparto mensual/quincenal de produtos de alimentación, hixiene e/ou outros gastos de suministro básicos… ofrecendo a estas persoas un acompañamento personalizado para a súa inclusión e inserción sociolaboral.

No que á alimentación recadada se refire encheuse unha furgoneta con mais de 1100kg de  alimentos (legumes, pasta, arroz, e latas de conserva) e moitos productos de hixiene..

Dende o C.D.R. O Viso tamén colaboramos na recollida de roupa destinada á Asociación Filantrópica Boa Vida Inclusión Activa de Pontevedra, onde dous voluntarios da organización acudiron o luns pola tarde levando unha furgoneta chea de roupa.

Comentarios