jueves. 06.10.2022

O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro reafírmase como institución de apoio e asesoramento ao sector durante Alimagro 2022

O Inorde vén de participar activamente na terceira edición da Feira do Agro da Limia
As autoridades no stand do Inorde na inauguración de Alimagro 2022
As autoridades no stand do Inorde na inauguración de Alimagro 2022

O Inorde vén de participar activamente na terceira edición da Feira do Agro da Limia, que ao longo de tres días amosou a capacidade produtiva agrícola desta comarca, de referencia para toda Galicia, non só a través dos numerosos expositores que estiveron no pavillón municipal, entre eles o propio stand do Inorde, senón coa propia exhibición de maquinaria que “entre todos representaron a un sector que é clave no desenvolvemento económico e social da nosa provincia”, dixo o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.

Fernández lembrou que o sector primario sempre foi unha prioridade para o goberno provincial por elo, xa hai máis de 20 anos, “decidimos abrir precisamente aquí, en Xinzo de Limia, como capital desta comarca eminentemente agrícola, o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, que durante Alimagro 2022 deu boa conta de ser un laboratorio esencial no apoio e asesoramento para o sector en toda a provincia de Ourense. Un Centro que nin durante a pandemia pechou para poder atender as demandas dos que se encargaron de abastecernos neses momentos tan duros que ninguén esquece, e por elo, quero agradecer a agricultores e gandeiros o seu sacrificio e traballo a prol dun sector que representa o mellor de nós”, animando á mocidade a que continúe con este traballo que resulta indispensable para todos.

Visitas ao stand do Inorde durante a Feira do Agro da Limia 2022
Visitas ao stand do Inorde durante a Feira do Agro da Limia 2022

O presidente do Inorde fixo unha breve valoración do papel que exerceu o Inorde durante Alimagro 2022, por exemplo, cun stand que amosou ao público asistente o traballo que este organismo realiza a través do persoal técnico que atendeu as preguntas, dúbidas e cuestións técnicas plantexadas ao longo dos tres días que durou a feira.

A asistencia de público foi continuada durante as tres xornadas, apreciándose no stand do Centro Agrogandeiro ese fluxo de persoas de ao redor das 2.000 ao longo dos tres días, que manifestaron o seu interese por coñecer o traballo do laboratorio, tanto en relación aos proxectos que atinxen a Limia, como tamén en todos aqueles que revisten un espectro máis xeralista e que afectan a toda a provincia.

A complicada situación climatolóxica que marcou o transcurso da primavera ao verán, as elevadas temperaturas e a práctica ausencia de precipitacións, van condicionar unha colleita á baixa do cultivo da pataca, sendo este factor o principal foco de preocupación dos agricultores da Limia que se achegaron polo stand do Inorde, interesándose polas variedades, dentro da ampla selección que se estaban a amosar, para profundizar nas diferentes opcións e coñecer cal delas pode ter un mellor comportamento ante a situación actual.

Asemade, a mostra de cultivos alternativos que incluír dentro do ciclo de rotacións de cultivo, reflectidos no proxecto SoildiverAgro, deu pé a un alto número de consultas en relación ás épocas de cultivo, fertilización e posibilidades de comercialización de produtos coma o altramuz, ós chícharos proteaxinosos, a colza, mostazas e os cereais autóctonos.

A parte do stand centrada en métodos de loita contra o nematodo da pataca, foi, pola súa banda, tema de debate entre os técnicos representantes das empresas expositoras na feira ao propoñer alternativas sostibles ós meros tratamentos químicos.

Unha vez máis, o Inorde tratou de xermolar o interese polo sector primario entre os máis cativos que visitaron a feira e, para elo, instaláronse lupas e microscopios cos que poder observar patóxenos que afectan as patacas, suscitando novamente un gran interese entre os máis pequenos ao permitirlle coñecer os procedementos científicos e sentirse eles mesmos parte de esa ciencia. 

Complementariamente, o Inorde tamén colaborou con Alimagro 2022, organizando, na xornada previa á inauguración da feira, unha das conferencias, enmarcadas dentro das xornadas técnicas, a cargo de Jose Girao Sola, centrada na relación da contaminación por nitratos na Limia. Un tema que resultou de interese para o sector debido a afección que a declaración das augas da comarca como afectadas por nitratos vai supor en relación ós xeitos de fertilización dos diversos cultivos, e ás implicacións medioambientais que a actividade agrícola causa.

Ademais, o Inorde tamén se fixo cargo dunha das actividades realizadas durante a última xornada, concretamente a degustación de patacas e tenreira da Limia para 300 persoas realizada pola empresa “A Vaquería” afincada no Concello de Baltar que mostrou a sinerxía entre estes dous produtos tan representativos da comarca. O obxectivo era dar visibilidade da calidade do sector agroalimentario da nosa provincia, nun escaparate de referencia como é Alimagro, que demostrou un ano máis que “non só se pode vivir no rural, senón que podemos vivir do rural e nisto, continuaremos a traballar desde o Inorde e desde a Deputación de Ourense, porque afrontar o reto demográfico é unha das prioridades para este goberno provincial”, sinalou Rosendo Fernández.