A cervexa artesá de toda Galicia chega á Praza Maior de Xinzo

cerveceiros
A cervexa artesá de toda Galicia chega á Praza Maior de Xinzo

Durante a fin de semana poderan degustar as últimas novidades desta bebida

A segunda feira da cervexa artesá celébrase en Xinzo durante toda a fin de semana. Poderán degustar os produtos dos distintos elaboradores desta bebida que se sitúan nunha carpa na Praza Maior. Así está presente o posto de Pardao Cervexas, dende Ourense, que leva dous anos elaborando de maneira artesanal a súa cervexa. Tamén está Bubela Artesá dende Lugo, Galponbier dende Vilanova de Arousa, A Cova da Serpe de Lugo, Vacaloura dende Nigrán, Menduíña dende Cangas a cervexa artesanal de Chopp's e a de Monterei, ou os que se estrean este ano no negocio,Chacueca dende Monforte de Lemos.

A maiores da bebida tamén teñen postos de comida para acompañar á cervexa.

Onte inaugurouse a feira que seguirá hoxe cun curso de balde sobre fabricación desta bebida artesá a partir das 17h. Un pouco máis tarde, ás 20h terá lugar a actuación do grupo Morcegos Celtas. Mañá domingo, os postos volverán abrir ás 12h da mañá ata as 21h. As 20h celebrarase un sorteo para aquelas persoas que completasen o percorrido da cervexa.

Os cervexeiros que repiten experiencia, coinciden en que o ano pasado había máis xente. Nesta nova edición o tempo non acompaña e celébrase xusto despois do remate de Nadal, son as causas que apuntan como posibles xustificantes da falta de público. Así as cousas, ata o domingo teñen a oportunidade de probar os diferentes sabores da cervexa tostada, negra, loira ou afrutada, entre as moitas variedades que trouxeron.