miércoles 01.04.2020

O Colexio de Xornalistas lamenta o recurso do Goberno contra a indemnización á familia Couso e ínstao a garantir a seguranza dos xornalistas de guerra

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta profundamente o paso atrás que supón a decisión do Goberno español de recorrer ante o Tribunal Supremo a sentenza da Audiencia Nacional
Couso (Foto La Voz de Galicia)
Couso (Foto La Voz de Galicia)

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta profundamente o paso atrás que supón a decisión do Goberno español de recorrer ante o Tribunal Supremo a sentenza da Audiencia Nacional que condenara ao Estado a pagar unha indemnización á familia de José Couso por omitir o seu deber e non ter prestado axuda diplomática nin para o recoñecemento do carácter ilícito do ataque ao Hotel Palestine en 2003 nin para a reparación das súas consecuencias.

Como lembrabamos no momento de se producir o ditame da Audiencia Nacional, esta sentenza significaba "a primeira admisión oficial da indefensión da família Couso e o recoñecemento da inacción da Administración ante o asasinato do xornalista galego", mais non podía significar "nin o esquecemento deste crime de guerra nin o abandono da loita por que se faga xustiza e teña reparación".  O recurso do goberno significa un novo atranco nun proceso que xa leva durado demasiados anos.

Arancha González Laya, ministra de Asuntos Exteriores, aseguraba onte que asumir a indemnización ordenada pola Audiencia Nacional significaría un precedente "inasumíbel" para o Estado. O Colexio de Xornalistas considera que o verdadeiramente inasumíbel é que, logo de 17 longos anos, o asasinato de José Couso continúe impune e que a investigación deste crime siga a estar chea de estorbos e pasos atras que o único que fan é impedir que se faga xustiza.

A loita pola resolución e reparación do caso Couso, que o Colexio de Xornalistas acompaña agora e sempre, significa moito máis que a xustiza para o asasinato do cámara ferrolán. O seu recoñecemento representa un primeiro paso para a seguranza de todos os xornalistas nos conflitos armados, quer con protocolos para a súa protección quer garantindo que os ataques aos informadores non queden impunes. E esta seguranza, imprescindíbel para a liberdade de información, debera ser unha prioridade para calquera goberno democrático.