viernes 24.01.2020

Confirmase que o desfile será o domingo de piñata pola mañá

Presentado un avance da programación do Entroido 2020
Presentación do avance do programa 2020
Presentación do avance do programa 2020

Iván Prado en representación da comisión organizadora,  presentou a programación de actividades do Entroido, da que destacou algunhas partes máis diferenciadoras. En palabras do portavoz da organización, “o máis destacable será o cambio do desfile ao domingo de piñata”, por motivo do éxito acadado o ano anterior. Ademais, participarán no entretemento destes días de festa, 14 charangas de casa, como Achicoria, así como charangas de todo o país. No aspecto tradicional, Prado fixo mención ao éxito conseguido na recuperación de grandes tradicións e momentos que “funcionan practicamente de forma perfecta”.

Seguindo coa programación, destacou tres grupos de gran sona a nivel galego da música tradicional folclórica: Xosé Lois Romero e Aliboria, Baiuca,  e Pepe Vaamonde Grupo. Xunto a estes concertos, terase en conta tamén aos grupos locais como Lirolaio, Os Ghalos d’Antioquía e moitos máis, así como outros da provincia como Rebulir ou Candaira.

Con respecto ao aspecto infantil, destaca o desfile dos colexios de Xinzo e arredores, no que participarán arredor de 1.000 nenos, xunto as charangas Manía, Nova e Achicoria. A maiores, participarán tamén na animación para os máis pequenos Ocioavia e Divercóxegas, con actividades como concursos, desfiles, agasallos e demais.

BANDAS E ORQUESTRAS

Resaltou ademais Iván Prado a participación da Agrupación musical da Limia, tanto o domingo pola mañá como pola tarde no seu concerto da Praza Maior. Haberá tamén tres orquestras: Gran Parada, Marbella e Nebraska, que tocarán arredor das 19:00h. A música protagonizará gran parte do entroido, posto que, tal e como afirmou Prado “non haberá practicamente unha hora sen música, dende as 12 da mañá ata ben entrada a madrugada desfrutaremos de grupos tradicionais, charangas, orquestras e demais”

Finalmente, rematou a súa intervención informando que dende a organización tratarase de preparar para o domingo de Oleiro, xunto a Pepe Vaamonde Grupo, o primeiro baile de “mascaritas” da vila de Xinzo dende hai corenta anos, na Praza Maior.