O Conselleiro supervisou os traballos de roza do futuro polígono agroforestal de Cualedro
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, supervisou esta mañá os traballos de roza que se están levando a cabo no futuro polígono agroforestal deste municipio ourensán. Alí destacou que a provincia de Ourense aglutina preto do 58% da superficie total que está sendo mobilizada a través dos polígonos agroforestais, que impulsa a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Na visita tamén estivo presente o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez.
No tocante á provincia de Ourense, José González indicou que son 15 os polígonos declarados, os cales mobilizarán algo máis de 5.000 hectáreas. Precisamente, un deles é o de Cualedro, que contempla unha superficie de 64 hectáreas repartidas en 72 parcelas propiedade de 70 veciños, cuxo principal uso sería a gandaría en extensivo e cultivos complementarios. Amais, nesta mesma comarca, están tamén os polígonos de Monterrei, Riós e Oímbra.
Aldeas modelo
Xunto a estes 21 polígonos agroforestais, Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas, das cales 14 están na provincia de Ourense. Precisamente, unha delas está no municipio de Cualedro, en Carzoá, que tamén visitaron hoxe. Dita aldea conta cunha superficie de case 54 hectáreas arredor do núcleo a dinamizar repartidas en 389 parcelas de 215 propietarios. O seu uso principal perfílase para os cultivos de horta e de ciclo curto, ademais da explotación gandeira.