jueves 09.07.2020

Constituída a comisión “Ourense Futuro” que recollerá iniciativas sociais para impulsar á provincia na era “poscovid”

Esta iniciativa, aprobada na sesión plenaria do mes de maio, ten como obxectivo actuar como receptora das demandas e achegas que poidan formularse desde calquera colectivo social da nosa provincia

Reunión de constitución da comisión __Ourense Futuro__
Reunión de constitución da comisión __Ourense Futuro__

A comisión “Ourense Futuro”, iniciativa aprobada na sesión plenaria correspondente ao mes de maio, constituíuse no centro cultural “Marcos Valcárcel”, como receptora das iniciativas sociais e económicas para impulsar á provincia na era “poscovid”. “Ourense Futuro” será receptora das demandas e achegas que poidan formularse desde calquera colectivo social da nosa provincia e está constituída por un representante de cada grupo político provincial adoptando as súas decisións mediante o sistema de voto ponderado.

Trala reunión de constitución, a comisión quedou conformada da seguinte maneira: polo Grupo Provincial do PP está Rosendo Luis Fernández, polo Grupo Provincial do PSdeG-PSOE está Diego Fernández, polo Grupo Provincial de DO está José Miguel Caride, polo Grupo Provincial do BNG está Bernardo Varela, e polo Grupo Provincial de Ciudadanos está Montserrat Lama. O presidente de dita comisión é Rosendo Fernández.

Na reunión tamén se estableceu o correo electrónico [email protected] como canle de comunicación e de recepción de comparecencias, poñéndose a disposición das entidades interesadas, un modelo normalizado de solicitude. Na reunión acordaron que as comparecencias se celebren ordinariamente os luns de cada semana, comezando as mesmas o 20 de xullo de 2020. As comparecencias, entre dúas e catro por reunión, terán unha duración aproximada de dez minutos cunha breve quenda final de preguntas polos membros da comisión. E, en función das solicitudes recibidas, a comisión reunirase para programar o calendario de comparecentes.

O traballo da comisión desenvolverase ao longo deste ano 2020 e todas as comparecencias e documentos de traballo serán públicos a través da web da institución provincial (www.depourense.es). Os representantes dos grupos políticos actuarán como relatores na redacción dun documento final que recollerá o sentir dos comparecentes, documento que será presentado para a súa aprobación en pleno e que servirá de folla de ruta para a acción política na provincia. O documento aprobado remitiráselle aos titulares dos poderes executivo e lexislativo a nivel autonómico e estatal.

Constituída a comisión “Ourense Futuro” que recollerá iniciativas sociais para impulsar...