lunes 30/11/20

DECLARACIÓN DO GRUPO MUNICIPAL POPULAR DO CONCELLO DE XINZO DE LIMIA

 CON MOTIVO DO 25 DE NOVEMBRO: DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

O Grupo Municipal Popular do Concello de Xinzo de Limia, con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero que se conmemora o día 25 de novembro, reitera, un ano máis, a súa firme condena de calquera expresión de violencia contra as mulleres, e de todas e cada unha das súas manifestacións.

De igual modo, manifestamos a nosa solidariedade coas mulleres vítimas da violencia machista, transmitindo todo o noso apoio a elas, aos seus fillos e fillas e familiares.

Xa na IV Conferencia Mundial sobre as Mulleres, en Bejjing, en 1995, recoñeceuse que a violencia exercida contra as mulleres é un obstáculo para a igualdade, o desenvolvemento e a paz dos pobos, que impide que as mulleres gocen dos seus dereitos humanos e liberdades fundamentais.

A súa erradicación e eliminación é un mandato normativo derivado dos tratados internacionais de Nacións Unidas e a Unión Europea, ratificados polo Estado Español, polo que debe de ser tratada con máxima prioridade nas axendas das distintas Administracións Públicas como  garantes dos dereitos das mulleres.

O Pacto de Estado contra a violencia de xénero, validado por unanimidade, supuxo un claro avance logrando unir a todas as forzas políticas e institucionais do país para mellorar a situación das mulleres vítimas e para loitar contra unha situación indigna para calquera sociedade, establecendo estratexias de sensibilización e prevención, atención, asesoramento, acompañamento e protección, sempre desde perspectivas integrais en todos os ámbitos, tales como o laboral, o educativo, o sanitario, o xurídico, o policial e o social.

A eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación, sempre desde respecto ao réxime de distribución competencial en todas as accións que se desenvolvan, posto que o traballo que se realiza para conseguir a súa erradicación implica a multitude  de axentes.

Así, as Entidades Locais son para moitas mulleres o primeiro paso para saír do espazo da violencia.

Polo tanto, desde O Concello de Xinzo de Limia manifestamos o noso compromiso como Administración Pública para liderar a loita contra a violencia de xénero mediante accións dirixidas a promover a igualdade entre mulleres e homes, como un valor social incuestionable para unha sociedade que se sustenta sobre a defensa do dereito irrenunciable da igualdade e a dignidade de todas as persoas.

Unha sociedade democrática non pode tolerar que as mulleres sexan discriminadas, sexan vítimas do machismo, da desigualdade, e da violencia, unha das principais causas de vulneración dos dereitos fundamentais e liberdades públicas, situacións totalmente inadmisibles nun Estado democrático e de dereito.