jueves 29/10/20

Demografía, asociacionismo, cultura e benestar, entre as liñas de axudas de Deputación e Inorde

O Plan Estratéxico de Subvencións para o período 2020-2023, que se analiza nas comisións informativas, abrangue tamén cooperación coas entidades locais, deporte e desenvolvemento económico

0 Fachada Deputacin OU

As comisións informativas da Deputación de Ourense correspondentes ao mes de decembro celebran hoxe e mañá as súas reunións no Pazo Provincial. A comisión informativa de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordará a aprobación inicial do Plan provincial de cooperación cos concellos para a xestión delegada do servizo de inspección dos tributos municipais no exercicio 2020 e seguintes, e a comisión de Economía analizará o Plan Estratéxico de Subvencións da Deputación de Ourense e do Inorde para o período 2020-2023.

0 Fachada Deputacin OUEste instrumento de planificación das políticas públicas que teñan por obxecto o fomento de actividades de utilidade pública ou de interese social preséntase, como xa se fixo no mandato anterior, como un documento de planificación que abrangue os exercicios económicos 2020, 2021, 2022 e 2023. O Plan estrutúrase en sete liñas de accións iniciais: cooperación coas entidades locais, cultura, deporte, reto demográfico, benestar social, desenvolvemento económico e asociacionismo veciñal.

Por outra banda, na xuntanza tamén se abordará a aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo municipal de subministración de auga potable e das taxas dos servizos de saneamento e depuración do Concello dos Blancos.

Na xornada de mañá celebraranse as comisión informativas de Cultura, Deportes e Mocidade, a de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente, e a de Reto demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego na que se abordará o Programa BenOurense Persoal Técnico 2020. O obxecto deste Programa cínguese á programación detallada das accións de asistencia técnica, económica e xurídica aos concellos con menos de 20.000 habitantes na execución das súas competencias en materia de servizos sociais comunitarios básicos. Tamén están incluídas as mancomunidades intermunicipais que xestionen servizos sociais dun conxunto de municipios con menos de 20.000 habitantes.

As accións deste Programa divídense na asistencia económica para garantir o financiamento aos concellos e mancomunidades para a contratación ou nomeamento de persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais, e por outra banda abrangue a asistencia técnica e xurídica en materia de servizos sociais. Este servizo prestarase de xeito prioritario ás entidades locais de menos de 5.000 habitantes e de alta dispersión.