jueves 15/4/21

A Deputación aproba as bases para subvencións de actividades culturais e artísticas

Os solicitantes poderán presentar ata un máximo de tres proxectos ao abeiro desta convocatoria. A contía máxima dispoñible para a concesión destas subvencións é de 60.000 €.

Fachada DPOU
Fachada DPOU

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá en sesión telemática aprobou as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a organización de actividades culturais e recreativas correspondentes ao exercicio 2021, e as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas relacionadas coas artes escénicas e musicais. Tamén aprobou destinar un orzamento de 498.694 € para obras de infraestruturas e servizos en concellos da provincia.

No que atinxe ás actividades culturais e recreativas, considéranse como tales aquelas o estudo, difusión, exaltación ou posta en valor do patrimonio cultural material ou inmaterial ourensán, e, neste sentido, a edición e impresión de libros, publicacións seriadas ou obras audiovisuais en calquera soporte. En canto ás actividades recreativas, a convocatoria abrangue ás lúdicas ou de lecer de carácter público e gratuíto, promovidas por entidades sen ánimo de lucro, e dirixidas ao total da poboación ou a colectivos precisados de especial atención polas administracións públicas. Poderán presentarse ata un máximo de tres proxectos ao abeiro desta convocatoria, sendo a contía máxima dispoñible para a concesión destas subvencións de 100.000 €.

Tamén aprobou a Xunta de Goberno as bases da convocatoria para subvencións para festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas relacionadas coas artes escénicas e musicais, promovidos por persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que se desenvolvan na provincia de Ourense e que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021. Os solicitantes poderán presentar ata un máximo de tres proxectos ao abeiro desta convocatoria. A contía máxima dispoñible para a concesión destas subvencións é de 60.000 €.