A Deputación aproba preto de 500.000 € en axudas para cooperación cos concellos en infraestruturas, cultura e deporte

Montserrat Lama
A Deputación aproba preto de 500.000 € en axudas para cooperación cos concellos en infraestruturas, cultura e deporte

O goberno provincial destinará tamén máis de 48.800 € para axudas a deportistas ourensáns e para entidades deportivas e sen ánimo de lucro

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada hoxe axudas por importe de 425.528 euros para concellos, mancomunidades e entidades da provincia para iniciativas deportivas, culturais e de infraestruturas. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao xoves 11 de outubro, entre os tamén se inclúen destinar 30.000 € para axudas a deportistas ourensáns e 18.897 € para entidades deportivas e sen ánimo de lucro

Montserrat LamaNeste sentido, a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da convocatoria do concurso para a concesión de axudas a deportistas ourensáns cualificados en modalidades deportivas individuais durante a tempada deportiva 2017-2018. Estas axudas pretenden fomentar a práctica deportiva e incentivar aos deportistas ourensáns cualificados mediante o recoñecemento da súa traxectoria e rendemento deportivo. A contía máxima da axuda por solicitante é de 3.000 euros.

Poderán beneficiarse destas axudas deportistas federados, de categorías de base ata absoluta, e de modalidades deportivas individuais, de nacionalidade española ou residentes legais en España que cumpran unha serie de requisitos: que teñan ficha federativa por algún club deportivo da provincia de Ourense durante a tempada 2017-2018 e en caso de que non posúan a licenza federativa, se manteñan vinculados ao deporte ourensán durante esa tempada sempre que exista unha causa xustificativa de que non dispoñan de licenza federativa nun club ourensán. O prazo para presentar a solicitude a estas axudas rematará o 30 de novembro de 2018.

Cooperación cos concellos

No apartado de cooperación con concellos e mancomunidades da provincia, a Xunta de Goberno aprobou tres axudas de 4.000 euros cada unha para Bande, Lobios e Muíños para actividades deportivas na comarca do Xurés; e para o Concello de Muíños, o pago anticipado da axuda para o Programa Coñece Ourense e socorristas do ano 2018, que ascendía aos 70.000 euros, e 18.546 euros para o equipamento do CEIP de Mugueimes. Para o Concello de Boborás aprobouse unha axuda de 20.000 euros para a organización da Festa da Batalla en Pazos, e en materia de infraestruturas, 14.909 euros para o Concello de Larouco para a pavimentación e rehabilitación da rúa Igrexa Vella.

Asemade, aprobouse unha axuda de 25.000 euros para o Concello da Pobra de Trives para os gastos de funcionamento da Escola de Música e para a adquisición dun piano. Para o Concello de Ramirás aprobouse unha axuda de 25.000 euros para a adquisición dunha furgoneta para o transporte público municipal, mentres que para o Concello de Vilamartín de Valdeorras aprobouse unha axuda de 13.050 euros para captación de auga no río Farelos, e outra de 17.000 euros para a mellora do firme en Surregos (Córgomo). Para o Concello de Xinzo aprobouse unha axuda de 6.000 euros para a adquisición dun tapiz de ximnasia rítmica, e outra de 126.380 euros para a urbanización da rúa do Peto.