A Deputación destina 300.000 euros ao programa ChegOU para o fomento da natalidade

Xunta de Goberno da Deputación 180521
A Deputación destina 300.000 euros ao programa ChegOU para o fomento da natalidade

A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a concesión de subvencións por un importe superior a 380.000 euros, destinadas a actividades e proxectos nos ámbitos municipal, económico, social e de igualdade.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, na primeira reunión presencial logo do remate do estado de alarma e baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou hoxe as bases que rexerán a concesión de subvencións para o fomento da natalidade, o programa ChegOU, que conta cun orzamento de 300.000 euros.

A estas axudas, que xestiona a Área de Benestar da Deputación, poderán optar todas aquelas persoas que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do presente ano teñan un fillo, adopten ou accedan á tutela de menores. As contías das subvencións corresponderanse coa clasificación dos concellos en cuxo rexistro civil se inscriba o menor, é dicir, 300 euros no caso dos concellos sen prioridade demográfica (graos 0, 1 e 2) e 500 para aqueles con prioridade (grao 3). A solicitudes poderán presentarse desde o próximo 1 de xuño ata o 31 de decembro.

Ademais, as mancomunidades de municipios das comarcas do Carballiño e do Ribeiro recibirán senllas axudas de 50.000 euros para gastos de funcionamento correspondentes a este ano.