A Deputación facilita experiencia laboral a titulados universitarios e graduados en FP coa posta en marcha das bolsas Erasmus Rural

Bolseiros do programa Ourense Líder de 2016 para prácticas laborais en EE.UU. en colaboración coa Fundación Advanced Leadership
A Deputación facilita experiencia laboral a titulados universitarios e graduados en FP coa posta en marcha das bolsas Erasmus Rural
O programa oferta 20 bolsas de 1.200 €

A Deputación de Ourense ofrece aos universitarios recen titulados e aos graduados en Formación Profesional unha oportunidade para adquirir experiencia laboral coa convocatoria das bolsas “Erasmus Rural Interreg”, un proxecto piloto que se enmarca no programa transfronteirizo Raia Termal e que “reflicte moitos dos sinais de identidade das actuais políticas provinciais, xa que é unha nova aposta pola cooperación que permitirá a catro entidades locais da provincia reforzar a posta en valor das súas potencialidades turísticas a través da incorporación de titulados universitarios e de FP aos seus recursos patrimoniais”, afirma o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar.

Lembra Baltar que a Deputación de Ourense “vén de pór en marcha unha estratexia de captación de fondos europeos para o período 2021-2027, sendo a primeira provincia de España en facelo, por un importe superior a os 85 millóns de euros, para diferentes ámbitos entre os que está o reto demográfico”, que será un dos eixos de actuación prioritarios para financiar cos Fondos Next Generation. Así, engade que as administracións provinciais “teñen que ser institucións de vangarda na loita contra o despoboamento no rural, e somos o único nivel administrativo con capacidade e visión para fortalecer o vínculo entre as áreas urbanas e rurais”.

Sobre esta base, a Deputación de Ourense pretende testar un modelo provincial de bolsas co que optar a futuras convocatorias de fondos europeos, en particular, e como neste caso, con especiais características ao ter as contornas rurais como destino das primeiras experiencias, no marco da estratexia contra o despoboamento contemplando dentro das 130 medidas do Plan de Recuperación ante o Reto Demográfico.

Cunha dotación de 28.000 euros, o programa oferta 20 bolsas individuais de 1.200 euros para un período de prácticas profesionais de 150 horas, no que os participantes adquirirán habilidades, coñecementos e competencias dentro dos sectores de actividade e recursos existentes na área xeográfica conformada polos concellos ourensáns de Lobios, Bande, Muíños e Cortegada, e Terras do Bouro e Melgaço en Portugal, que son os que integran o programa transfronteirizo.

Presentación de solicitudes ata o 12 de xullo

Para optar ás bolsas, a convocatoria establece como requisitos ter un título universitario ou en Formación Profesional, ser menor de 35 anos, desempregado e rexistrado no servizo público de emprego e estar empadroado na provincia de Ourense ou nalgún municipio incluído dentro do territorio Raia Temal ao lado portugués, é dicir, Terras de Bouro ou Melgaço. As solicitudes, cuxo modelo está dispoñible na web da Deputación, poderán presentarse no rexistro xeral da institución provincial ata o próximo 12 de xullo, estando prevista a resolución do proceso cara mediados de mes, de tal xeito que a incorporación dos bolseiros sexa o máis axiña posible.

Neste sentido, desde hai semanas a área de Benestar da Deputación -que xestiona o programa e dispón de toda a información para os interesados-, xunto cos concellos de Bande, Cortegada, Lobios e Muíños traballan na definición dos destinos, horarios e titorías dos bolseiros, que con carácter previo terán unha formación presencial e telemática para coñecer o programa e o lugar onde realizarán as súas prácticas.