jueves 15/4/21

A Deputación de Ourense moviliza máis de 20 millóns de euros para a recuperación económica

790.000 euros para o fondo conxunto de apoio a hostalaría,
Viceptes e MB 160321
Viceptes e MB 160321

A boa xestión económica do goberno provincial ourensán permite acadar 44 millóns de remanente de tesourería, o que supón o mellor resultado económico durante a etapa de Manuel Baltar ao fronte da deputación, unha institución con débeda cero e que aproba os seus orzamentos antes que ningunha outra administración pública, sendo líder tamén en transparencia entre os 52 gobernos provinciais de España. Con estes antecedentes, presenta para aprobación no pleno do presente mes de marzo unha modificación de crédito do orzamento por importe de 20.724.285 euros, "son os orzamentos da recuperación económica, da resiliencia, da cooperación, que atenden aos concellos, que son os principais colaboradores e aliados da deputación, nunha estratexia de desenvolvemento do territorio", afirma o presidente provincial, Manuel Baltar.

Logo das medidas de carácter social en 2020, como as axudas directas a autónomos, neste 2021 a Deputación incide nas peticións que emanan dos gobernos locais da provincia. Trátase de medidas de apoio e colaboración económica, obras e servizos, para 75 concellos da provincia. Nesta modificación de crédito que supera os 20 millóns de euros, Baltar destaca a achega para o Centro Galego de Innovación da FP en Ourense: millón e medio de euros, e nas proximidades tamén destaca o centro de investigación do edificio "Provincia Intelixente" de Abanca, "o que permite que esteamos ante a maior concentración de autoemprego tecnolóxico do noso territorio, e entre as máis potentes de Galicia", sinala Manuel Baltar.

Asemade destaca neste apartado económico a cooperación co goberno autonómico, traducida en 790.000 euros para o fondo conxunto de apoio a hostalaría, "aprobando a Deputación de Ourense ese 1% do orzamento para destinalo a este sector tan castigado, ademais doutros 150.000 euros para o bono turístico, tamén en cooperación coa Xunta de Galicia, e outros 450.000 que se destinan ao convenio coa Consellería de Medio Rural para equipamento de maquinaria para concellos, co obxectivo de realizar rozas para a prevención de incendios forestais, ou os 224.000 euros para os grupos de emerxencia supramunicipal (GES)", explica Manuel Baltar.

A Xunta de Galicia tamén recibe a colaboración da Deputación de Ourense para a redacción de proxectos por parte de concellos relacionados co Plan da Seca, e o Plan de sustentabilidade sustentabilidade, "que da man da Xunta presentaremos para recibir o apoio do Goberno de España".

Esta modificación de crédito recolle actuacións importantes e achegas para institución senlleiras da provincia como son Confederación Empresarial de Ourense, a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, a Federación de Comercio, a Asociación de Construtores da provincia de Ourense, e tamén en Galicia, como o Círculo de Empresarios de Galicia; e dentro do territorio ourensán apoiarase tamén a asociacións como Adegal, AEVA, o clúster da Pizarra e Aspadisi, destacando asemade a achega coa que a Deputación colabora para a nova sede da Asociación contra o Cancro en Ourense.

A modificación tamén atende aos consellos reguladores do viño, ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Expourense, Sarabela Teatro, Semente de Nós, o Festival de Cine de Ourense a través da Fundación "Carlos Velo" e as escavacións que leva a cabo a Fundación Aquis Querquennis.

"Ademais de todo iso, o termalismo segue escribíndose con letras maiúsculas na provincia de Ourense, e falamos da posta en marcha do novo balneario de verán, e o apoio ás mancomunidades de concellos da provincia, e mesmo a clubs e federacións deportivas", explica Baltar, salientando que este é "un apoio aos 7.273 quilómetros cadrados do territorio ourensán nun momento importante no que a Deputación actúa como motor de cooperación e aliado de desenvolvemento, froito da xestión rigorosa dos funcionarios da institución provincial a quen agradezo o seu labor, os cales atenden ás directrices políticas que emanan dun plan de mandato, o que fai posible esta modificación que na súa memoria se incardinan as actuación nos obxectivos de desenvolvemento sostible, nos ODS, que deben guiar a actuación de calquera administración pública nun escenario como actual", conclúe Manuel Baltar.