O Goberno central e a Xunta deseñan actuacións conxuntas para a prevención de incendios forestais

Sin título
O Goberno central e a Xunta deseñan actuacións conxuntas para a prevención de incendios forestais
O delegado territorial sinalou que unha das novidades deste ano é a creación do Sistema estrutural de mando operativo, co fin de mellorar a seguridade e a eficacia das operacións en incendios de complexidade avanzada.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá na constitución da Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais para a campaña deste ano 2022, que estará operativa desde o 1 de xullo ata o próximo 30 de setembro, período establecido como época de alto risco de incendios forestais. O obxectivo desta reunión é o deseño de actuacións conxuntas para previr os lumes e loitar contra a actividade delituosa incendiaria.

Na reunión tamén participaron membros da Xefatura Territorial de Medio Rural, representantes da Subdelegación do Goberno, da Deputación Provincial, da Federación Galega de Municipios e Provincias, e responsables da Policía Autonómica e Nacional e da Garda Civil.

No transcurso da reunión presentáronse os distintos medios cos que se contará para loitar contra o lume durante a presente campaña, así como a competencia que terá cada un deles a través do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga 2022. Ademais avaliáronse os plans operativos na provincia e coincidiuse en levar a cabo unha actuación que cubra todas as frontes necesarias: detección, disuasión, investigación e extinción.

O delegado territorial fixo fincapé na importancia da coordinación nesta materia e subliñou que a Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural celebra comités policiais cada tres semanas para o seguimento das accións conxuntas en materia de prevención e loita contra os lumes.

Gabriel Alén e os representantes das outras administracións subliñaron a importancia de manter a coordinación entre as distintas administracións nas actuacións que se levarán a cabo nesta materia co fin de conseguir un cambio de comportamento social para reducir os danos medioambientais producidos polos lumes forestais. Ademais, apelaron á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e denuncien calquera actividade delituosa incendiaria da que teñan coñecemento no teléfono gratuíto e anónimo 900815085.

Sin título

Pladiga 2022

Gabriel Alén explicou que a Consellería do Medio Rural blinda nos aspectos esenciais o dispositivo de loita contra incendios. O delegado territorial indicou que o dispositivo de loita contra incendios previsto este ano na provincia ourensá é similar, en liñas xerais, ao do pasado exercicio en canto a número de efectivos; 1.582 efectivos. Así, este dispositivo estará formado polas brigadas autonómicas e municipais, os parques de bombeiros, os grupos de emerxencia supramunicipal (GES). A estes medios hai que engadir a Unidade Militar de Emerxencias (UME), os membros da Garda Civil do Seprona, a Policía Autonómica e Nacional, e membros dos equipos de investigación, “sempre baixo o mando único da Xunta de Galicia”, sentenciou.

O delegado territorial sinalou que unha das novidades deste ano é a creación do Sistema estrutural de mando operativo, co fin de mellorar a seguridade e a eficacia das operacións en incendios de complexidade avanzada. O que se fai con este sistema é liberar de tarefas secundarias ao director técnico de extinción de cada lume, reforzando o seu papel na coordinación do dispositivo. Ademais, establécese a sectorización, en caso necesario, dos incendios, para xestionar con maior eficacia os medios despregados e os labores de extinción.

Outra novidade do Pladiga 2022 ten que ver coa vixilancia fixa. Así, dentro desta rede increméntanse en seis as cámaras dispoñibles, en tres novas localizacións, co que se acada a cifra de 148 unidades en 74 localizacións. Estas cámaras contan cunha tecnoloxía de última xeración, especialmente deseñada para exteriores e vixilancia forestal, con zoom remoto, movemento horizontal e vertical, rotación nos 360º automática e baixo demanda, visión panorámica e altas capacidades de gravación.

No eido tecnolóxico, introdúcense novas funcionalidades canto á reconstrución do lume, aproveitando as máis de 4.000 emisoras con que conta o Servizo. Ademais, pódense xerar perímetros automáticos relativos á superficie afectada, o que permitirá predicir o potencial do lume e tomar decisións á hora de focalizar os medios nos puntos e momentos clave.

Tamén destaca a creación dunha nova aplicación de formación, que prové un repositorio multimedia unificado cos cursos impartidos ao persoal do dispositivo de incendios, material didáctico de consulta asociado, circulares e comunicacións de interese. Ofrece acceso por categorías e perfís profesionais, co fin de garantir unha accesibilidade personalizada en función das necesidades de cada posto de traballo.

Outra mellora introducida no Pladiga 2022 ten que ver coa modernización dos centros de coordinación, tanto do central, situado en Santiago, como do provincial de Ourense. Con respecto á investigación dos lumes, neste documento faise por primeira vez balance da actuación da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), que desde a súa creación -o ano pasado- realizou xa un total de 242 dilixencias de diverso tipo, entre elas varias relacionadas coa posta á disposición xudicial de presuntos incendiarios. Pola súa distribución xeográfica, o maior número de dilixencias da UIFO levouse a cabo no distrito XIV Verín-Viana, seguido dos distritos XII Miño-Arnoia e IV Barbanza.

En canto aos medios humanos e materiais mobilizados para toda Galicia, estes mantéñense, en liñas xerais, en valores semellantes aos das últimas campañas. Así, o operativo estará integrado en total por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións. Cabe destacar, en relación co parque de maquinaria, a renovación de 13 motobombas do servizo, que integrarán un despregamento conxunto de preto de 380 destes vehículos. Ademais, mobilizaranse ata 30 medios aéreos, achegado tanto pola Xunta como polo Estado, unha cantidade semellante á da anterior tempada de alto risco.