jueves 24/9/20
Asociacionismo

As asociacións veciñais poden solicitar axudas á Xunta

O obxectivo desta liña de axudas é contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal.

A Delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira
A Delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado venres a Orde de axudas destinadas a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia. O Goberno galego mobilizará para destinar a esta liña de axudas unha partida dun importe máximo dun millón de euros. O obxectivo destas axudas é contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal.

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, considera que estas axudas “contribuirán a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza”. Na rolda de prensa ofrecida para informar desta nova liña de axudas, Díaz Mouteira destacou a aposta do Goberno galego polo asociacionismo veciñal e por todo aquilo que contribúa ao benestar dos cidadáns.

A delegada territorial explicou que poderán solicitar estas axudas aquelas entidades (asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia) debidamente inscritas no rexistro de asociacións da Xunta. As solicitudes presentaranse de modo electrónico e o prazo de presentación rematará o vindeiro 20 de febreiro.

As axudas concederanse para a realización de investimentos, tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da titularidade das entidades solicitantes, camiños veciñais e traídas de auga veciñais coa finalidade de mellorar a prestación dos servizos de interese veciñal. Díaz Mouteira indicou que a axuda económica que se conceda poderá acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para dotación de equipamentos.  

A delegada territorial concluíu expresando a súa confianza de que a cifra de asociacións beneficiadas nesta convocatoria medre respecto a pasada, na que foron 50 as entidades ourensás beneficiadas por esta liña de axudas por un importe de preto de 500.000 euros.

Comentarios