sábado 8/8/20
Recordan que está prohibido conducir con auriculares, xa sexan un ou dous

Tráfico conta cun novo vehículo ,furgoneta, de vixilancia na provincia de Ourense

O vehículo tipo furgón emprégase para o control de determinados comportamentos viais en vías interurbanas, sobre todo, distraccións motivadas polo uso do teléfono móbil

furgo-dgt-1
furgo-dgt-1

A Xefatura Provincial de Ourense da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) informou da incorporación dun vehículo tipo furgón para realizar labores de vixilancia e control de determinados comportamentos viais en vías interurbanas, sobre todo, distraccións motivadas polo uso do teléfono móbil. Dende a DXT lémbrase que nos últimos anos na provincia se rexistran feridos graves e algún falecido por distraccións na condución ao facer uso destes dispositivos.

A DXT conta por todo o país con este tipo de vehículos sen rotulación oficial que permiten identificar a aqueles condutores que conducen manipulando o teléfono móbil. A altura do vehículo e do posto de condución da furgoneta permite que os axentes poidan detectar a condutores co teléfono móbil pegado á orella, así como a manipulación do mesmo nunha posición máis discreta, por exemplo, escribindo en aplicacións de mensaxería como Whatsapp. Igualmente facilita a detección deste tipo de comportamentos nos vehículos pesados como autobuses, tráilers, tractocamións ou vehículos mixtos.

O novo vehículo de vixilancia atópase operativo na provincia de Ourense dende o mes de xuño. Durante este tempo os axentes formularon un total de 340 denuncias dende este vehículo, correspondendo o 46,17% das mesmas ao uso de dispositivos de telefonía móbil durante a condución e o 10,88% ao non uso do cinto de seguridade.

Dende a DXT lémbrase que, ademais de non estar permitido o uso do teléfono móbil durante a condución, está prohibido conducir con auriculares, xa sexan un ou dous.

Tráfico conta cun novo vehículo ,furgoneta, de vixilancia na provincia de Ourense