domingo 27/9/20

EDITORIAL

Comisión de entroido e enquisas

 EDITORIAL

O Entroido de Xinzo de Limia está a piques de rematar. Case 5 semanas de celebración que constitúen o que é considerado como o entroido máis longo do mundo e como a festa máis importante do noso concello e mesmo de toda a comarca da Limia. Remata pois un evento que se gañou a pulso trascender da mera celebración e converterse nun sentimento de todos aqueles que nos sentimos parte deste fermoso concello.

Durante estas semanas –e tamén durante as semanas previas– o dendealimia.com converteuse, unha vez máis, no altavoz informativo de todo o relacionado co noso entroido. As novas, os vídeos, as reportaxes fotográficas e as crónicas fóronse sucedendeo, día tras día, para que veciños e visitantes puideran compartir cos seus achegados todo o que significa vivir in situ esta celebración. Mesmo foi habilitada, por parte deste medio do que formo parte orgullosa, unha sección en portada só para as noticias e artigos relacionadas co Entroido 2017. Unha sección que foi a máis lida, non só de todo o mes, senon de todo o ano, alcanzando no mes de febreiro, case 20.000 lectores únicos e máis de 70.000 visitas a páxinas no noso portal informativo.

66Como todo aquilo que nos afecta a todos e todas, o Entroido nunca está exento de polémica. As opinións en torno á organización das diversas actividades destas semanas, sucédense nas redes entre veciños e visitantes, non sempre chegando a puntos de acordo. É indispensable, agradecer á comisión organizadora desta festa, todo o traballo de meses, de maneira completamente desinteresada, co único obxectivo de conservar unha tradición que constitúe grande parte da nosa idiosincrasia como pobo. Son moitas as veces nas que non somos conscientes do inmenso traballo que hai por detrás de todas e cada unha das xornadas festivas. Mais o recoñecemento do traballo voluntario dos organizadores, en ningún caso debe desviarnos do obxectivo dun medio de comunicación.

Os medios de comunicación deben cumprir, na sociedade, unha serie de funcións: informar, entreter e crear opinión pública. Mais, a maiores, o dendealimia.com sempre quixo ser unha ventá aberta ás opinións de todos os veciños das comarcas da Limia e da Baixa Limia para expresaren as súas opinións. Este xornal dixital está aberto a todos aqueles que queiran expresarse a través da súa sección de opinión, onde se lle ten dado cabida a absolutamente todas as voces que así o solicitaron. E seguirase facendo. Mais é obvio que vivimos na sociedade da inmediatez e das redes sociais e non podemos controlar a sucesións de opinións nos comentarios de Facebook ou mesmo na sección de comentarios das diversas noticias do xornal. Neste senso, e sempre co obxectivo de escoitar as voces de todos os nosos lectores, este xornal decidiu recuperar a figura das enquisas para testar a percepción da cidadanía en torno á organización do Entroido 2017. E como as valoracións sempre son subxectivas e é complexo obxectivalas establecendo métricas neutráis, decidiuse comparalo co Entroido do pasado ano pois, como é lóxico, o obxectivo de todos é o de mellorar ano tras ano.

Creo firmemente que o emprego desta ferramenta é extremadamente positivo. E para mostra, chega con comprobar que, tan só nas primeiras 14 horas dende a publicación desta enquisa, foron xa máis de 700 as persoas que votaron na mesma. Isto só evidencia o interese polo tema sobre o que se cuestionaba e a necesidade de fomentar a participación da cidadanía nos medios locais dándolles voz. É evidente que se trata dunha voz anónima mais, como dixen, o dendealimia.com é unha xanela aberta para todas aquelas voces que queiran sair do anonimato. Namentres, nós seguiremos promovendo as enquisas de opinión en torno aos problemas máis polémicos que nos afectan a todos como colectivo. Só así se pode garantir certa implicación popular.

Quizáis, se hai xente que opina baixo a libre e respectable careta do anonimato, pero que se nega a facelo publicamente, estamos facendo algo mal. Nunha sociedade democrática, as opinións nunca deben ser restrinxidas. Analicemos os resultados, que pode que algo nos estean a dicir. E, como non, impliquémonos todos e todas, na medida das nosas responsabilidades, en mellorar o noso Entroido. Para que permaneza. Para que non desfaleza. Para que continúe sendo ese sentimento que nos une a todos como limiáns, máis aló de cores políticos, gustos ou preferencias varias.

67

Viva o mellor Entroido do mundo!

www.dendealimia.com

Comentarios