Elvira Lama resposta ás críticas do PP

Xoán XXIII
Elvira Lama resposta ás críticas do PP

As árbores enfermas retiradas dos espazos públicos de Xinzo substituiranse despois do Entroido para evitar danos

Os espazos ao aire libre de Xinzo de Limia son agora máis seguros despois de que esta mesma semana se activase o plan de saneamento das árbores en mal estado. Seguindo as pautas dos expertos que elaboraron un informe previo, retiráronse exemplares que supoñían un risco para a cidadanía no parque Pombal, Toural e Praza Xoán XXIII. Coa asesoría técnica de arboricultura e o traballo dos profesionais na materia, acometéronse accións de saneamento e mantemento e plantaranse novas árbores. Esta previsto que a substitución se realice despois do Entroido para evitar danos.

Toural
Toural

No Parque Pombal, e segundo este informe, foi preciso retirar tres salgueiros choróns e unha robinia pseudoacacia. No primeiro caso, recoméndase a substitución dos exemplares pola abeleira corylus colurna por adaptarse mellor ás condicións dun parque urbano de reducida dimensión. No caso da robinia, recoméndase non plantar ningunha especie leñosa no seu lugar ata transcorrido un período mínimo de 5 anos para evitar o posible contaxio por armilarea.

No Toural, as actuacións más urxentes foron a retirada das árbores secas, por representar risco de caída e danos nos que están sans. No bosque dos cedros recoméndase a introdución de árbores e arbustos que aporten maior variedade cromática ao espazo, así como a creación de espazos máis íntimos no seu interior. Suxírese a introdución de pradairos de codia serpentina, acivros, azaleas e outros arbustos da familia das rosáceas. Na pradería dos chopos recoméndase a plantación de árbores de flor e acacias. No paseo fluvial proponse vexetación característica dos bosques de ribeira como salgueiros, ameneiros ou bidueiros.

En canto aos pradairos da Praza Xoán XXIII, aínda que os exemplares non supoñían risco a curto prazo, recomendouse a substitución dos mesmos por outras árbores, de menor porte e que resistan as actuacións de poda. Apeáronse catro pradairos, un deles morto e os tres restantes estaban en moi mal estado polas podremias e os fungos, debido as podas abusivas.

Para levar a cabo esta segunda fase do plan de saneamento das zonas verdes adxudicáronse os traballos a unha empresa especializada por un importe de 2.758 euros. Ditos traballos inclúen a retirada e o tratamento dos residuos.

Cómpre destacar que nos últimos tres anos, plantáronse nos espazos públicos de Xinzo de Limia preto de 200 árbores, no marco das actividades dos campamentos de verán, o Día da Árbore, o 25-N e o Obradoiro de Emprego.