viernes 14/5/21

O fotógrafo Brais Lorenzo gaña o XXXI Premio "Carracedo" de periodismo polo seu traballo gráfico sobre a pandemia

O xurado, en reunión telemática, ditaminou hoxe outorgar por unanimidade o galardón que concede a Deputación de Ourense á serie de fotografías sobre o drama social do COVID-19, "que achega unha mirada humana e de gran carga emocional, proxectando as historias da pandemia desde Ourense e Galicia ao resto do mundo

Brais Lorenzo
Brais Lorenzo

O fotógrafo ourensán Brais Lorenzo é o gañador do XXXI Premio de Periodismo "Xosé Aurelio Carracedo", un certame que convoca anualmente a Deputación de Ourense para pór en valor o xornalismo de calidade que se fai en Galicia. O xurado, reunido hoxe por vía telemática, ditaminou outorgar por unanimidade o galardón á súa serie de fotografías sobre a pandemia do COVID-19, "que achega unha mirada humana e de gran carga emocional, proxectando as historias da pandemia desde Ourense e Galicia ao resto do mundo", segundo sinala a acta.

O xurado salienta "a capacidade de Brais Lorenzo para identificar a iconografía da pandemia, elementos que, a través das fotos, se converten nunha referencia", destacando tamén que as imaxes foron tomadas nos primeiros momentos da pandemia, "historias contadas cunha excelente calidade técnica e cunha mirada persoal que dotan a este traballo dunha singularidade especial".

Tamén se destaca na acta a repercusión internacional que ten o traballo de Brais Lorenzo, "publicado en importantes medios de comunicación de Europa, América e Oceanía", e sinala o feito de que este fotoxornalista "fose o primeiro en entrar nunha unidade de enfermos críticos de COVID-19, co que iso significa de anticipación e visión do máis puro sentido xornalístico".

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, felicitou a Brais Lorenzo salientando que o seu nome "únese á nómina de destacados xornalistas e fotógrafos que desde fai tres décadas veñen engrandecendo o Premio "Xosé Aurelio Carracedo", certame de referencia no xornalismo galego". A entrega do galardón, dotado con 3.000 euros e diploma, terá lugar o vindeiro luns, 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa, no Pazo Provincial. O certame, que nesta edición chega á súa 31ª convocatoria, foi instaurado para honrar a memoria do xornalista ourensán que lle da nome ao premio, Xosé Aurelio Carracedo, falecido en 1988.

O xurado, presidido pola deputada provincial de Cultura, Patricia Torres Madureira, estivo integrado por Xosé Ramón Pousa Estévez, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; Emma Torres Romay, decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra; Luis Menéndez Villalba, en representación da Federación de Asociacións de Periodistas de España (FAPE), e Abelardo Vázquez Pita, xornalista, en representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, actuando como secretario o asesor de Comunicación da Deputación de Ourense, Fernando Rodríguez Méndez.

Brais Lorenzo (Ourense, 1986), é técnico superior de Fotografía pola Escola de Arte Superior e Deseño "Antonio Faílde" de Ourense e graduado en Xeografía e Historia pola Universidade de Vigo. Desde 2010 traballa como colaborador da Axencia EFE e do periódico Faro de Vigo. Ten realizado fotografías para medios de comunicación como El País, El Mundo, La Vanguardia, ABC, Público, La Marea, Nós Diario, Revista Luzes, The Guardian e axencias como AFP e AP. Asemade, traballou con ONGs como Greenpeace e colabora coa Cruz Vermella en Ourense. Os seus traballos foron incluídos en diversas exposicións fotográficas en España, Etiopía, Portugal, Italia, Estados Unidos e Corea do Sur, e foi recoñecido con numerosos premios nacionais e internacionais como o SINIF de fotografía firepress, o News Photo Award, e o Sony World Photography Awards, entre outros.