O GRUPO MIXTO, NO PARLAMENTO DE GALICIA, APOIA A XINZO ADIANTE NA SÚA DEFENSA DO C.M. DE XESTIÓN ADMINISTRATIVA DA I.E.S. CIDADE DE ANTIOQUÍA

candidatura-sen-logo
O GRUPO MIXTO, NO PARLAMENTO DE GALICIA, APOIA A XINZO ADIANTE NA SÚA DEFENSA DO C.M. DE XESTIÓN ADMINISTRATIVA DA I.E.S. CIDADE DE ANTIOQUÍA

Xinzo Adiante manifesta a súa satisfacción e agradecemento á Deputada de Cerna, integrada no Grupo Mixto, Consuelo Martínez, polo seu apoio na defensa que esta candidatura veciñal está a realizar a prol do mantemento do Ciclo Medio de Xestión Administrativa no I.E.S. Cidade de Antioquía de Xinzo.

Consuelo Martínez rexistrou o luns 13 de xullo unha proposición non de lei para o seu debate en Comisión instando \“á Xunta a manter para o curso 2015/2016 e vindeiros a oferta de Ciclo Medio de Xestión Administrativa que se está a impartir no I.E.S. Cidade de Antioquía, garantindo o persoal e material necesarios para a súa impartición.\” Ademais, tamén rexistrou unha interpelación, para recibir resposta sobre se a Consellería de Educación \“vai manter para o curso 2015/2016 e vindeiros a oferta de Ciclo Medio de Xestión Administrativa que se está a impartir no I.E.S. Cidade de Antioquía\”.

Xinzo Adiante agradece o apoio da deputada de Cerna a prol da defensa do mantemento destes estudos en Xinzo de Limia. Lamentamos, porén, que nin o Goberno Municipal nin os catorce deputados autonómicos da provincia no Parlamento de Galicia estean a colaborar ante o desmantelamento, en forma de recorte educativo, co que nos quere castigar a Xunta de Galicia. Xinzo de Limia, como concello e capital comarcal, xa sufriu numerosos recortes e tentativas de supresión de servizos que, se non chegaron a callar, foi grazas á actitude reivindicativa da súa cidadanía.

No caso do actual e continuísta goberno municipal de Xinzo de Limia, a súa actitude resulta sangrante, ao dar a calada por resposta ante a moción con carácter de urxencia presentada por Xinzo Adiante, o pasado 6 de xullo, polo que solicitaba que o Plenario instase á Consellería de Educación a manter os estudos de Xestión Administrativa na nosa comarca.

Unha vez máis, Xinzo Adiante sitúase como a única forza política que defende os intereses xerais da cidadanía de Xinzo de Limia, sen estridencias nin representacións parateatrais; outras forzas políticas –comezando polo goberno local do PP- a día de hoxe só teñen presentado iniciativas para seguir cobrando xenerosas dietas, co apoio do principal partido da oposición, mostra máis que evidente de que o bipartidismo sabe estar unido en beneficio propio.