martes 20/10/20

O grupo provincial socialista reclama a inclusión da pista que une Xinzo e Vilar de Barrio na rede viaria provincial

Os socialistas comprobaron sobre o terreo a alta perigosidade desta estrada e a necesidade de que a Deputación asuma a competencia e invista na seguridade da mesma.

129
129

O Portavoz socialista na Deputación, Francisco José Fraga e mailos deputados provinciais, Elvira Lama e Vicente Gómez, acompañados pola Voceira en Sarreaus, Sita Care e a concelleira socialista en Xinzo, Eva Oro, visitaron hoxe pola tarde a comarca limiá coa finalidade de reivindicar a integración dunha estrada local na rede viaria provincial. A citada vía, trátase dunha pista de concentración parcelaria que une Xinzo de Limia dende a N-525 así coma o enlace 193 da A-52 con Vilar de Barrio na estrada OU-1102, e que, así mesmo, transcorre polo Concello de Sarreaus. Esta pista, tal como denuncia Elvira Lama, quen tamén exerce de Portavoz en Xinzo, discorre por unha zona chaira e, practicamente, recta, durante 10,3km, elevando o risco de sinistralidade por estar conectada a numerosas pistas perpendiculares de concentración parcelaria.

De feito, o pasado 10 de novembro, o Grupo Provincial Socialista, representado pola propia Elvira Lama, rexistrou unha moción na Deputación, indicando a necesidade de que esta pista fose asumida pola entidade provincial como parte da súa rede viaria e, así, investir na súa seguridade. Como é sabido por todas e todas, os datos dos sinistros nas estradas indican  por número de feridos e falecidos cales son as que presentan un maior risco, debido moitas veces á intensidade do tráfico que soportan e tamén ao estado do firme ou á velocidade á que, en ocasións, se circula, por riba do limite establecido. Os controis non sempre sorten o efecto disuasorio pretendido e os accidentes constatan a realidade dos feitos.

As pistas mencionadas, moitas delas de terra, dan acceso a numerosas infraestruturas agropecuarias, soportando un tráfico intenso tanto de turismos coma de maquinaría agrícola, transporte mercantil e de animais. Hai que ter en conta que a Limia é unha comarca, particularmente, activa no que se refire ao sector primario. “Dado o elevado nivel de tráfico, urxe asegurar a seguridade nesta estrada e debera ser o goberno provincial o que asumise esta competencia”, sinalou o Portavoz socialista, Fraga Civeira.

“Non somos alleos á existencia dun informe elaborado por Tráfico no que se recolle a urxencia de mellorar, en canto á seguridade viaria, esta pista, mediante a instalación de barreiras laterais nas tres únicas curvas existentes e tamén nas zonas mais perigosas”, sinala Elvira Lama.

Pero aparte de estas recomendacións dende a Xefatura de Trafico tamén falaron co Presidente Baltar sobre a posibilidade de que os tres Concellos, Xinzo de Limia, Sarreaus e Vilar de Barrio cedan a titularidade da estrada á Deputación provincial, para que sexa esta institución, a encargada de levar a cabo tódalas obras e melloras necesarias en materia de seguridade viaria, coa única fin de reducir ao máximo os accidentes, e en consecuencia, o numero de feridos e falecidos.

Sendo estas as circunstancias, os membros do Grupo Provincial Socialista, desprazáronse ao territorio a comprobar in situ e falando coa xente da zona, as condicións desta vía. Puideron observar como a estrada, coas súas actuais características, supón un grave risco para a seguridade dos usuarios e usuarias e por iso, resolveron solicitar, coa máxima premura, dos concellos de Xinzo de Limia, Sarreaus e Vilar de Barrio, a cesión da titularidade da pista de concentración que enlaza a N-525 coa  Estrada OU-1102, na parte que lles corresponda e incorporar a pista mencionada á Rede de Estradas da Deputación Provincial, para levar a cabo tódalas actuacións encamiñadas a reducir a sinistralidade.

Dende o Grupo Provincial Socialista, tamén engaden que é urxente que se proceda a realizar todas as actuacións de obra e mellora mencionadas nos informes de Tráfico en materia de seguridade viaria, así coma solicitar, aos tres concellos, a sinalización adecuada das numerosas pistas que cruzan perpendicularmente a devandita pista que foi motivo da Moción. O Portavoz socialista, concluíu que : “Xa é hora que a Deputación asuma o debate sobre esta estrada e sobre a necesidade de investir nela e incluíla na rede viaria da provincia de Ourense, non poden dilatar máis no tempo unha cuestión de vital importancia para a seguridade dos habitantes da Limia”.

O grupo provincial socialista reclama a inclusión da pista que une Xinzo e Vilar de...
Comentarios