martes 21/9/21

O futuro do rural está nas mans de quen o ama

repor 2

    Como volver?como regresar?A xente marchou do rural para as cidades. A aldea resistiu dende séculos pero agora a transformación á que vimos asistindo mudou de maneira grave aquela estrutura tradicional. O futuro do rural escapa. Mozos menores de 30 anos que marchan en busca dun porvir que non atopan na súa terra.Os profesores da UDC, Fernando González Laxe, Federico Martín Bermúdez e Federico Martín Palmero, realizaron un exhaustivo estudo sobre a a denominada terceira emigración galega. Esta investigación repara en que no ano 2010, o 47% dos emigrantes galegos tiña 29 ou menos anos e un 39% tiña entre 30 e 44 anos. Sabemos da situación polos datos de estatísticas, pero pola propia experiencia sabemos que son máis os que están fóra. Coñecemos que emigra xente formada da súa terra porque non ven unha saída profesional na súa Galicia, pero son conscientes daquelas outras oportunidades que ofrece o rural? 

A Comarca da Limia está experimentando nos últimos anos un cambio de rumbo. Estase a confeccionar unha pequena rede empresarial que non fai moito ruído pero que está emerxendo con grandes proxectos que nacen na aldea. Son como pequenas pompas que explotan en diferentes núcleos da Limia e que están desenvolvendo ideas que convencen. 

Amador Díaz posúe un almacén de patacas na parroquia de Piñeira Seca. Produce patacas primando a calidade do produto, de aí que haxa variedades que recolle a man como se facía antes de ter a maquinaria agrícola. O feito de ter un mercado saturado implica que tes que saír con algo diferente e que convenza, e se algo é a calidade. Vende as patacas por internet o que lle permite reiventarse nos tempos de crise económica e chegar a un amplo mercado dende o rural."Cada vez teño máis clientes, o 80% son galegos afincados fóra. Envío pedidos a Barcelona, Madrid, Cartagena, Málaga... e por suposto por toda Galicia", sinala Amador, un agricultor menor de 50 anos.  

Seguimos viaxando pola comarca pois no concello de Sarreaus, os licores ecolóxicos son unha realidade e están competindo co convencional.

Belén e Iñaki,dous mozos de algo máis de 30 anos, logo de tres anos de esforzo, son donos dunha pequena destilería. Souberon darlle saída a unha vella granxa dos pais de Belén, e con poualicornioco diñeiro invertido crearon a súa micro empresa. Posúen catro alambiques de cobre onde producen a súa propia augardente a partir de bagazos que escollen con anterioridade. Elaboran dende licor de castañas, arandos e xenxibre ata o clásico licor café ou licor de herbas. "Non podemos competir co gran mercado que produce unha gran cantidade de botellas pero si que podemos obter unha calidade que eles non teñen", comenta Belén. Apostaron pola súa empresa no rural, "é mellor que marchar fóra, é máis arriscado si cabe dende o punto de vista económico, pero coñeces o teu territorio, si todos marchamos isto non vai para adiante", recalca esta moza emprendedora. 

Nacen pequenos proxectos no rural que se van complementando uns con outros, ímonos apoiando uns a outros e axudámonos

A maioría destes novos empresarios, comezan con ideas que están aí pero que non se aprecian a simple vista. Arriscan con elas porque non queren ver unha terra que se vacía. 

faragullasCarmen de 35 anos, comezou case que por casualidade a facer pan no forno da aldea como o facían as avoas. Agora rexenta un forno en Mosqueiro, onde só viven dous veciños a diario, e onde recibe os seus clientes que chegan ata o País Vasco ou Londres e Alemaña. Elabora pan de todas as clases, mesmo de fariña de castaña, e todo feito con masa nai. "Confío en que a volta a este entorno é o futuro, os novos emprendores do rural somos como formiguiñas baixo a terra que imos facendo cousas e de repente saen grandes ideas, e eso é un gran paso", apunta Carmen. 

Todo eles coinciden en elaborar pouca cantidade de produtos pero de calidade. O feito de vivir no rural permítelles facelo con un soldo non demasiado alto. Non teñen os gastos de taxas elevadas que hai que pagar na cidade. Sempre poden botar man de plantar produtos de primeira necesidade nunha horta. O aforro do rural permítelles desprazarse en coche as grandes cidades próximas sexa por ocio ou outras necesidades. Non sufren os agobios da hipoteca en parte porque a maioría aproveitan casas familiares a piques de caer, e que pouco a pouco remodelan e convértenas no seu futuro. 

Están traendo actividade ó rural e dinamizándoo. En Vilar de Santos, abriu hai un ano e medio a Arca da Noe, un bar que hoxe en día é un referente na zona como escenario de concertos de música tradicional e de foliadas. A súa dona pertence a esta nova xeración que reaviva o rural e que teñen entre 30 e 40 anos. O espazo mesmo mudou os hábitos de ocio dos máis novos que optan por pasar as noites de troula na aldea e non se desprazan as cidades. Están creando un sentimento de amor á terra e recuperando costumes que permiten que o rural acade vida. 

Todos estes emprendedores da aldea son un exemplo de que hai opcións de traballo e de prosperar no entorno tradicional. Coas novas redes de internet que buscan cubrir o rural ábrese outro abrepor 3anico de oportunidades de sacar adiante un proxecto. Son un reflexo de que hai ideas que tardan en medrar como as árbores pero que acaban acadando o éxito, e que si eso se fai dende a terra, partes coa posibilidade de que coñeces o terreo e que si fracasas, o peso económico pódese soportar. 

O despoboamento do rural é causa de falta de oportunidades pero tamén de hábitos da sociedade."A xente concebía que progresar era saír da aldea, mercar un piso e un coche na cidade e comezar unha nova vida. No momento da burburlla inmobiliaria foi moi sinxelo porque os créditos eran moi accesibles", sinala Carmen, dona do forno de Mosqueiro. Ela reflexiona sobre o feito de que a xente se lanzou a mercar vivendas e demais bens, un gasto que agora se lle fai costa arriba. Carmen aposta a que si a poboacion de orixe de aldea mantivera nela as súas raíces, hoxe terían un nivel de calidade alto tanto no económico como no persoal. 

O certo é que os gastos non son os mesmos. Se facemos unha breve comparativa en referencia ós gastos básicos, na cidade triplícase. Buscamos por exemplo un espazo do rural, Paradiña, unha aldea de 30 veciños no corazón da montaña de Sarreaus, na provincia de Ourense. A xente que alí habita paga unha media de 30 euros polo recibo de luz, auga non a pagan porque é do pobo. Vimos agora cara Xinzo de Limia, unha familia paga 30 euros polo recibo da luz, 50 polo da auga e 60 de comunidade. Con todo, a maioría da xente renega vivir no rural por falta de servizo. No que se refire á alimentación, en Paradiña reciben a visita diaria de ata catro panadeiros e de luns a sábado pasan polo pobo o coche de conxelados, outro vehículo con alimentos varios como carne ou froita, e produtos do fogar e un vehículo con bebidas. "Tes outro tipo de servizos que cubren as túas necesidades básicas e que te permiten vivir nun entorno de calidade sen o agobio do gasto económico", comenta Belén dende Sarreaus.

repor 1

Son diferentes formas de concibir a vida. Se se analiza o punto de vista de cada unha das persoas, os que optan polo rural son aqueles que teñen un sentimento pola terra e que non queren que esta decaiga e quede no esquecemento. "A aldea hai que amala, ter nacido nela, volves as túas raíces e somos todos unha gran familia, mentres que na cidade non hai tal familiaridade", comenta Josefina Rivero, xubilada que deixa o seu piso en Vigo para volver a vivir a que é a súa casa familiar en Paradiña.  Ela regresa ó seu niño, e con ela virá a familia na fin de semana, os fillos cos netos. Así tamén se fai tradición, transmitindo o amor á aldea ás novas xeracións. Neste mesmo pobo contan dende hai uns meses cunha sala de informática para dar servizo a todo o concello de Sarreaus, con ordenadores e conexión a internet. Así repártense os recursos e non se concentra todo unha área administrativa, contribuíndo o mantemento e desenvolvemento das zonas rurais.

O derrubamento do rural estase paliando con novos proxectos que nacen nel e ten futuro si se aposta el dándolle vida. Vivir nunha aldea equivale a calidade, traballar dela é sinónimo de calidade tamén e eso estase a converter nunha moda. A nosa sociedade acostuma a seguir patróns de conducta que outros seguen, deixaremos perder unha tradición que nos unía á terra? 

Comentarios