sábado 31/10/20

Outro Limiao na familia de colaoradores de" dendealimia"

Mocas, por parte de pai, e  Manatas, por parte de nai. 

Presentación.

Non me resulta doado falar de min mesmo. Que podo dicir? Como explicarlle aos lectores deste xornal Dende a Limia sequera un anaco da miña vida? Non sei, pero aquí vai. Haberá xente que me coñeza e que se lembre de min e outra que non. Para esta última, abondará dicir que son unha mestura de dúas familias ben coñecidas: os Mocas, por parte de pai, e os Manatas, por parte de nai.

Cando me preguntan, gústame contar que nacín en Xinzo unha noite de invernía dun xa afastado mes de xaneiro do ano 1965. Da miña nenez, as lembranzas, os amigos, a familia, as ras, as patacas, o entroido. En definitiva, a memoria, ese poderoso instrumento que nos permite manter a nosa orixe por moi afastados que esteamos. E malia ter cruzado o meu Lethes particular e ter a miña residencia en Vigo, sigo mantendo a miña alma limiá e a miña fe nesta nosa terra.

Teño unha profesión e unha vocación, malia que a primeira a penas me deixa tempo para a segunda. Son enxeñeiro de profesión e escritor de vocación, con algúns premios que xurados temerarios tiveron a ben outorgarme (cousa da que lles estou agradecido) e media ducia de novelas publicadas, nas que dun xeito ou doutro sempre aparece algunha referencia a miña terra limiá.

Non quero extenderme moito máis. Só engadir, que agradezo moito que este xornal me preste unha das súas fiestras, para que os meus artigos saian á luz ao través dela. Algo de todo haberá neles. Curiosidades, historia, anécdotas, lembranzas, ideas. O meu único propósito é que todos aquelas persoas que lean as miñas colaboracións, pasen un rato de lecer coa lectura. De seren así, estarei máis que satisfeito.

Unha fonda aperta.

Rafael Laso Lorenzo

Comentarios