jueves 02.07.2020
Árbores

Máis dun cento de persoas participaron na andaina solidaria polas árbores da Limia

Durante todo o pasado domingo, 23 de abril, organizáronse outras actividades en Xinzo para concienciar da importancia de protexer as zonas verdes e reflexionamos xuntas sobre os seus beneficios.

Máis dun cento de persoas participaron na andaina solidaria polas árbores da Limia

A Plataforma Amigas e Amigos das Árbores da Limia convocou o pasado domingo á cidadanía para facer un percorrido por un treito da Vía da Prata-Camiño Mozárabe dende Viladerrei ata Xinzo de Limia, 13 quilómetros para amosar o seu rexeitamento ao proxecto de reforma da Avenida de Celanova que inclúe a corta de 56 árbores ("Platanus hybrida"). A andaina rematou ao pé destas árbores coa lectura dun comunicado e co apadriñamento e amadriñamento dos plátanos por parte dos participantes na andaina, varios deles persoeiros da música e da cultura. 

unnamed (7)

Despois dun xantar de convivencia no Parque do Pombal comezou o roteiro interpretativo. No percorrido polas poucas árbores que quedan na vila e polos lugares onde había alguna especie e xa non a hai, os participantes puideron comprobar as podas indiscriminadas feitas nas distintas especies do Parque do Pombal. Xa na Praza dos Ovos, sinaláronse os ocos de plátanos que mataron con herbicida, taladrando a cortiza –agora só quedan catro árbores nesta praza moi deterioradas por mor das podas do Concello de Xinzo de Limia–.

unnamed (6)unnamed (5)

Tamén as árbores do Parque do Toural están ameazadas. Segundo informan dende a Plataforma, por petición dun veciño pretenden talar 15 árbores que dan á rúa Alexandre Bóveda, alegando motivos de seguridade. Trátase de especies que , segundo as explicacións dun biólogo membro da Plataforma, están en bo estado e non teñen risco ningún de caer. 

unnamed (3)unnamed (2)

Remataron o día con maxia e contos para os máis pequenos na Praza Maior de Xinzo a cargo do Mago Chirleta e coa lectura de poemas por parte da escritora Concha Rousia.

"Cando no resto de Europa se están a plantar árbores polos seus beneficios para as vilas e cidades e para o benestar dos seus habitantes, en Xinzo de Limia queren eliminar as poucas que nos quedan", afirman. 

unnamed (1)IMG_4348

O proxecto de reforma "mortal" para as 56 árbores centenarias do Camiño de Santiago ao seu paso por Xinzo segue adiante. O pasado martes 25, a Xunta abriu as plicas para adxudicar esta obra. "Nós non estamos en contra de que se mellore a estrada pero pensamos que hai outros xeitos de facelo sen cortar os plátanos e xa lle comunicamos as nosas propostas ao Concello de Xinzo e á Consellería de Infraestucturas" comentan, agardando que os escoiten.

IMG_4347

Comentarios