O Marco das Industrias Culturais e Creativas, organizado pola Deputación de Ourense, terá lugar entre os días 2 e 5 de maio, con propostas para todos os públicos

MB programa ICC 2018
O Marco das Industrias Culturais e Creativas, organizado pola Deputación de Ourense, terá lugar entre os días 2 e 5 de maio, con propostas para todos os públicos

A provincia de Ourense convértese un ano máis en punto de encontro da vangarda creativa audiovisual e cultural coa organización da "Ourense ICC Week", o Marco das Industrias Culturais e Creativas que organiza a Deputación de Ourense e que reúne a centos de persoas, entre expertos e entusiastas da innovación, ao longo dunha semana en diferentes puntos da nosa provincia para debater, analizar e gozar coas últimas propostas que os mercados e a tecnoloxía poñen a disposición do público.

Entre os días 2 e 5 de maio a "Ourense ICC Week" 2018 desenvolverá un amplo programa de actividades, cun cartel que aglutina música, videoxogos, humor, e historia mesturando a innovación dos debates e dos temas a tratar, coa tradición dos lugares emblemáticos da provincia de Ourense que acollerán ditas actividades. A presentación da programación completa da Semana das Industrias Culturais e Creativas en Ourense, tivo lugar hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e os coordinadores da "Ourense ICC Week", Juan Rivas e Manuel Araujo.

O presidente da Deputación de Ourense destacou que a "Ourense ICC Week "focaliza todos os ámbitos da innovación, e supón unha explosión de vangarda que sitúa a Ourense como provincia da creatividade, presentando as últimas novidades en innovación". Manuel Baltar remarcou que Ourense "volve a converterse na capital do debate da innovación e da creatividade coa "Ourense ICC Week", que chega a súa cuarta edición cun programa tremendamente atractivo e con actividades que se desenvolverán na cidade pero tamén se trasladarán a lugares emblemáticos da nosa provincia como os mosteiros de Rocas e San Clodio, a Casa Museo "Otero Pedrayo" e tamén o Campus de Ourense".

"Trátase dunha iniciativa cultural que permitirá aos asistentes empaparse das últimas tendencias da man dos protagonistas do último medio século como Paco Clavel, Javier Mariscal, Mikel Erentxun, Bárbara Ouka Leele, entre outros", salientou Baltar, quen dixo que nesta edición "faremos un simposio sobre a arte rupestre, imaxe desta cuarta edición da "Ourense ICC Week", para falar da súa xestión e difusión, da man de especialistas de diferentes países".

O presidente da Deputación dixo que nesta edición "a música volve a ser protagonista, con diferentes concertos e coa entrega do premio MUSA SGAE a un letrista de primeiro nivel como é Yosi Domínguez", e lembrou que a programación inclúe un importante apartado para os máis pequenos, coa celebración da "ICC Kids". Juan Rivas dixo o programa deste ano "mestura actividades de entretemento con outras iniciativas culturais, educativas ou inspiracionais".

Programación

A inauguración da Semana das Industrias Culturais e Creativas, na que se falará dos "Mundos deseñados", será o mércores, 2 de maio, ás 18.00 horas, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel". A presentación e apertura da xornada correrá a cargo do presidente da Deputación de Ourense. A continuación, a fotógrafa e deseñadora, Bárbara Ouka Leele; o axitador cultural, Paco Clavel; e o documentalista e comisario cultural, Juan Sánchez, abordarán a temática da "Arte nas portadas", e despois, será a quenda para a ilustradora, deseñadora gráfica e Motion Grapher, María Grande e o deseñador gráfico, Javier Mariscal, quen exporán a cuestión da "Cultura do deseño". Ese mesmo día, a partir das 21.00 horas, será a quenda para o apartado musical da xornada, nesta ocasión, a cargo do grupo Morgan, no Teatro Principal da Deputación de Ourense.

Ao día seguinte, o 3 de maio, ás 9.30 horas, a programación retomarase no mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos, onde terá lugar unha mesa redonda sobre o "Patrimonio rupestre europeo. Investigación, xestión e difusión". A xornada será presentada polo presidente da Deputación de Ourense e coordinada polo profesor de arqueoloxía da Universidade Autónoma de Madrid, Jorge López Quiroga, e pola arquitecta e profesora da Universidade de Florencia, Carmela Crrescenzi. Dentro desta mesma temática, ás 10.00 horas, Carmela Crrescenzi falará do itinerario polo patrimonio rupestre mediterráneo; ás 10.30 horas, o director do Museo do Territorio de Palagianello (Italia), Domenico Caragnano ofrecerá un relatorio sobre a pintura nas igrexas rupestres de Puglia e Basilicata. Ás 11.30 horas será a quenda para o profesor de Historia do Dereito da Universidade de Bari, Antonio G. Mastrangelo, que falará da propiedade na área rupestre de Gravine (Taranto); e ás 12.00 horas, Jorge López Quiroga exporá o tema da aplicación das novas tecnoloxías en San Pedro de Rocas. Pola súa parte, o doutor en física e profesor na Universidade do Pireo (Grecia), Theodoros Ganetsos, exporá un relatorio sobre as análises físico-químicos non destrutivos das pinturas e frescos, a partir das 12.30 horas, e media hora despois, o espeleólogo, escritor e profesor, Alexey Zhalov, falará das vivendas medievais escavadas na rocha en Bulgaria, para rematar a actividade cun debate.

Pola tarde, ás 17.00 horas, a programación trasladarase ata o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" para falar da "supervivencia na xungla dixital". Na xornada, participarán o músico e compositor, Nacho García Vega e o músico e compositor, Luis Mendo. Neste mesmo centro, a partir das 19.00 horas será a quenda para o humor e a cultura, na que se darán cita o humorista, Rober Bodegas; o humorista, Alberto Casado; a humorista, blogueira e ilustradora, Raquel Córcoles; e o humorista e xornalista, Juan Ramón Monet, para falar do sentido da creatividade. A mesa será moderada polo xornalista Manuel de Lorenzo.

O venres, 4 de maio, as actividades trasladaranse ao mosteiro de San Clodio, en Leiro, onde a partir das 10.30 horas, falarase da creatividade e do sector TIC, baixo o título "Unha viaxe cara a sociedade do coñecemento". Abrirá a xornada a directora de Imaxin Software, Luz Castro, quen falará da gamificación e software galego. Ás 11.30 horas, será a enxeñeira e deseñadora gráfica, Cynthia Gálvez, quen fará un relatorio sobre "AV. VR. MR.: Alén da tecnoloxía", e rematará, ás 12.30 horas, a avogada e policy manager, Sara Rodríguez, para falar da economía colaborativa.

ICC Kids

Pola tarde, ás 16.30 horas, será "ICC Kids" no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", a xornada de cultura contemporánea para nenos. Primeiro coa actividade "Xogas ou traballas?" a cargo dos youtubers @Chincheto77 e @Tonacho que explicarán cómo fixeron da súa paixón a súa profesión; e a partir das 17.00 horas, estará a E-Cuarela, unha instalación de pintura dixital ao aire libre para que os nenos poidan pintar con auga este panel. Tamén haberá Ás 18.00 horas, as actividades trasladaranse ao Liceo de Ourense onde será protagonista o sector audiovisual. Alí o presidente da AGAG (Asociación Galega de Guionistas), Nico Campos, e a directora e guionista de cine, Gracia Querejeta, falarán "do papel á pantalla: a traxectoria dunha muller creativa". E, nese mesmo centro, ás 19.30 horas, será a quenda para "Autores e Creadores" coa entrega do galardón Premio MUSA SGAE a cargo do presidente da SGAE, José M. Fernández Sastrón, ao autor e compositor de Los Suaves, Yosi Domínguez. A xornada rematará, ás 21.00 horas, no Teatro Principal, co concerto de Mikel Erentxun.

Xestión cultural

O sábado, 5 de maio, as actividades comezarán na Casa Museo Otero Pedrayo, en Amoeiro, cunha xornada dedicada á xestión cultural que comezará ás 11.00 horas, co tema "Xestión de públicos: non quero que veñan, quero que volvan" a cargo da subdirectora artística do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Carlota Álvarez Bassó. O acto será presentado pola xornalista, Marta Gómez. Posteriormente, ás 12.00 horas, será a entrega dos Premios "Rodolfo Prada Chamochín", un galardón instaurado pola Deputación de Ourense en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, co obxectivo de recoñecer o labor que realizan os xestores culturais en Galicia.

Paralelamente, ás 10.30 horas, nos Xardíns Padre Feijóo estará novamente o panel da E-Cuarela, no marco da "ICC Kids", e completará a programación o obradoiro "Emojinarium" que será ás 12.00 horas no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" a cargo de María Grande no que analizarán os emojis, a linguaxe universal das expresións e crearán os seus propios personaxes. E, ás 12.00 horas, nese mesmo lugar, dará comezo a "ICC Show Vermú", na que actuarán Rufus T. Firefly, Esposa, Bifannah e Silvia Superstar DJ. O humor volverá a ser protagonista, nesta ocasión no Teatro Principal, a partir das 20.00 horas, co espectáculo de Pantomima Full.

ICC Gamers

MB cos coordinadores da ICC 2018Paralelamente a estas actividades, os días 3, 4, 5 e 6 de maio, o Campus de Ourense, acollerá a "ICC Gamers" que inclúe dúas actividades: a "ICC Technium R Encounter" e a "ICC eSports".

A "ICC Technium R Encounter" comezará o día 3 de maio ás 18.00 horas e rematará o día 6 de maio a mesma hora, no Pavillón Universitario de Ourense. O pre-rexistro dará comezo o día 28 de marzo e a inscrición á party será o día 30 de marzo, sendo a elección de sitios o día 7 de abril. A entrada ten un custe de 25 euros que inclúe unha inscrición gratuíta aos torneos da "ICC Technium R Encounter" e acceso a todo o recinto e ás actividades da party. Tanto o rexistro como a inscrición poderá realizarse a través da web technium.es. Manuel Araujo dixo que os interesados en participar "se anoten canto antes porque o primeiro día xa se venderon 300 entradas e só quedan 50".

Este ano a "ICC Technium R Encounter" contará con catro grandes torneos: League Of Legends, Counter Strike Global Offensive, Hearthstone e Super Smash Bros Brawl, que se celebrarán ó longo da party, que dará comezo o día 4 de maio ás 22.00 horas ata o día 6 de maio ás 16.00 horas. Haberá 4.000 euros en premios en torneos ou en outras actividades lúdicas dentro da party.

Este apartado de xogos completarase coa "ICC eSports" que tamén se celebrará no Pavillón Universitario de Ourense, o día 5 de maio ás 10:00 horas ata o día 6 de maio ás 15:00 horas. "Ourense será a primeira cidade galega en acoller unha actividade destas características", salientou Manuel Araujo.

Dentro desta celebración os torneos que se disputarán serán: FIFA 18, Clash Royale, e GT Sports. A entrada aos mesmos poderá adquirirse nas vindeiras semanas en Ticketea, á cal poderá accederse a través de technium.es. Neles poderán participar xente de fóra da "ICC Technium R Encounter", así como as persoas da propia party.

O torneo de Clash Royale dividirase en dúas modalidades: unha delas será, o torneo Profesional invitacional por equipos no que se darán cita os mellores clubs a nivel nacional como Valencia CF Esports, Giants, Movistar Riders, Teamqueso, Artic Gaming ou Team Heretics, e no que se repartirán máis de 4.000 euros en premios. O torneo de FIFA 18, no que participarán 128 persoas, ten un custe de entrada de 5 euros e os premios serán para o primeiro clasificado unha PlayStation 4, para o segundo clasificado un mando de PlayStation 4, e para o terceiro clasificado unha tarxeta PSN de 20 euros. No torneo de GT Sports poderán participar 32 persoas, e os premios deste torneo serán un Thrustmaster T-GT para o primeiro, unha tarxeta PSN de 50 euros para o segundo, e unha tarxeta PSN de 20 euros para o terceiro.

Inscricións

Os interesados en participar nas diferentes actividades da Semana das Industrias Culturais poderán inscribirse, gratuitamente, a través da web www.ourenseiccweek.com, ata completar aforo, excepto as entradas para os concertos de Morgan e Mikel Erentxun, que teñen un custo de 12 euros, e poden adquirise a través ataquilla.com.

Para máis información sobre o contido da programación: http://ourenseiccweek.com/wp-content/uploads/2018/04/Dossier-2018-df-para-ver-en-pantalla.pdf