domingo 20/6/21

"Esta é unha medida estafadora e fraudulenta, co único fin de recadar e gravar as xa afogadas economías das nosas veciñas e veciños.". PPdG de Xinzo

O  plan de cobro polo uso das autovías.

Grupo Popular
Membros do Grupo Popular

O Grupo Municipal Popular  rexistrou hoxe unha moción para debater e aprobar  no vindeiro plenario que se celebre no Concello de Xinzo o seguintes acordos:

1.-Instar á FEGAMP e a FEMP a que mobilice a todos os concellos aos que representa na solicitude de retirada por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Goberno de España, do plan de cobro polo uso das autovías.

2.- Instar ao Goberno Estatal a que non leve adiante o plan de cobro polo uso de autovías.

Nestes días o Goberno de España fixo oficial o seu plan de converter todas as autovías de España en vías de peaxe. Dito plan foi enviado xa a Bruxelas, co fin de financiar as infraestruturas, disfrazando esta medida como ecolóxica e solidaria.

As autovías son infraestruturas públicas sufragadas cos nosos impostos, e son de uso libre e gratuíto por parte de toda a cidadanía, cunha xestión de gobernos estatais ou autonómicos.

A idea que presentou o Goberno de España na Comunidade Europea é cobrar por quilómetro que cada vehículo rode por estas vías a partir do 2024. Gravando dunha maneira excesiva a economía doméstica de cada fogar.

Dende o Grupo Municipal entendemos que esta é unha medida estafadora e  fraudulenta, co único fin de recadar e gravar  as xa afogadas economías das nosas veciñas e veciños.

O Concello de Xinzo de Limia, como concello rural, necesita da mobilidade viaria para o seu funcionamento diario;: necesidade que comparte coa maioría de concellos galegos.

Consultas médicas, visita a persoas ingresadas en centros hospitalarios, operacións cirúrxicas, traballo, negocios, movemento de mercadorías, estudos, competicións deportivas, eventos educativos e culturais, trámites en Facenda ou calquera trámite estatal ou autonómico, lecer,...

Un motón de situacións, que como poboación rural, nos esixe desprazarnos da nosa vila ou pobo a outros lugares. A necesidade de mobilidade é constante e a implantación da taxa por quilómetro usado de autovía suporía un enorme esforzo económico á nosa veciñanza. A cidadanía asumirá unha gran carga económica para realizar con normalidade o seu día a día; co cal nos levará a que a poboación troque a súa residencia domiciliaria para as grandes urbes e abandone definitivamente o seu fogar no rural. Esta medida trae da man unha importante baixada no censo de concellos como o noso, senda xa importante a minoración que sufre xa o noso censo a día de hoxe.

O Grupo Municipal Popular  de Xinzo de Limia convoca a todos os concellos, sobre todo aos rurais, aos da “España Vaciada”, por medio da FEGAMP e da FEMP; a que loiten polos intereses económicos dos seus cidadáns.