martes 21/9/21

Medio Rural propón a creación dunha Comisión interdepartamental da Xunta e o Estado para mellorar a sustentabilidade do agro na Limia

José González trasladou aos alcaldes que a Consellería xa ten moi avanzado o borrador do Plan estratéxico do sector agrario da bisbarra e pediulles as súas achegas para mellorar no posible este documento

REUNIÓN 1

A Consellería do Medio Rural proporá a creación dunha Comisión interdepartamental, con participación da propia Xunta e da Administración Xeral do Estado, orientada á mellora da xestión ambiental da dexeccións gandeiras e do regadío na comarca ourensá da Limia.

Así llelo trasladou esta tarde o titular deste Departamento, José González, aos alcaldes da zona, cos que mantivo unha xuntanza de traballo, á que tamén asistiu a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.

A proposta recolle a incorporación a esta comisión das consellerías do Medio Rural e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, por parte da Xunta, e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, por parte da Adminstración Central.

REUNIÓN 2

Así mesmo, o conselleiro trasladou aos alcaldes que Medio Rural xa ten moi avanzado o borrador do Plan estratéxico do sector agrario da bisbarra e pediulles as súas achegas para completar e mellorar no posible este documento inicial, que será despois avaliado pola Mesa da Limia. Segundo o conselleiro, este Plan supón, por parte da Xunta, reafirmar o seu compromiso co desenvolvemento sustentable dunha das comarcas galegas máis dinámicas en canto a produción agraria. Trátase, dixo González, de procurar “unha actividade agrogandeira sostible e con capacidade de xerar valor engadido na comarca”, remarcou