Nova convocatoria para crear 12 novas casas niño e superar os 100 centros repartidos por toda a comunidade

Visita da Conselleira a unha casa nido
Nova convocatoria para crear 12 novas casas niño e superar os 100 centros repartidos por toda a comunidade

15.000 € para obras e 21.560 euros para cada promotora ou promotor deste recurso, anualmente.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova orde de axudas para crear 12 novas casas niño e superar así os 100 centros repartidos por toda a Comunidade. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá os centros de Beade e Leiro, onde anunciou a apertura desta convocatoria.
Fabiola García lembrou que hai seis anos que se concederon as primeiras axudas para a posta en marcha deste servizo de atención á infancia no rural, e na actualidade xa son 89 as casas niño en funcionamento. Con esta nova convocatoria ofertaranse 60 prazas de atención máis grazas á apertura de 12 novos centros, para o que o Goberno galego investirá máis dun millón de euros.

Neste sentido, a conselleira de Política Social destacou que estes centros ofrecen unha atención profesional para as nenas e nenos de 0 a 3 anos, permiten que os seus pais poidan compaxinar a vida laboral e persoal, fomentan a creación de emprego nas zonas rurais e mesmo lle dan unha nova vida a vellos establecementos dos municipios rurais. É o caso da casa niño situada en Beade, que ocupa o edificio que albergaba a antiga escola do concello e que estaba en desuso.

Incremento das axudas con fondos propios

Nesta nova convocatoria o Goberno galego incrementou nun 10% a axuda anual para as casas niño, de xeito que as súas promotoras recibirán 2000 euros máis ao ano. Este aumento da achega autonómica busca dar resposta á suba dos gastos de luz ou seguros aos que tiveron que facer fronte as responsables destes centros nos últimos tempos. Outra das novidades será que cando cumpran os seis anos en funcionamento as casas niño recibirán unha axuda adicional de 500 euros para ir renovando o seu equipamento.

Para garantir este servizo de conciliación no rural, financiado con fondos propios na súa totalidade, o Goberno galego investirá máis dun millón de euros, dos que 180.000 se destinarán a financiar as obras de acondicionamento dos locais que acollerán estes centros, cun máximo de 15.000 euros por cada un; e outros 860.000 euros a sufragar os gastos de funcionamento, o que supón unha achega de 21.560 euros para cada promotora ou promotor deste recurso.