miércoles 01.04.2020

18 novos obradoiros de emprego para a provincia

Tres deles na Limia, Porqueira, Sarreaus e Xinzo

Marisol Díaz
Marisol Díaz

Na provincia de Ourense este ano a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa un total de 18 obradoiros duais nos que se investirán preto de 5,2 millóns de euros e que beneficiarán a 355 persoas en situación de desemprego veciños dun total de 77 concellos.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, indicou que se trate dunha iniciativa, enmarcada na Axenda 20 para o Emprego, que o Goberno galego leva a cabo en colaboración cos concellos e que, polo tanto, fomenta a cooperación institucional. Os Concellos Emprendedores tiveron prioridade nestas axudas destinadas a fomentar a empregabilidade e así, na provincia de Ourense preto do 60% dos concellos beneficiarios son emprendedores.

Díaz Mouteira subliñou que nesta edición, a principal novidade é que os participantes poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

Tres obradoiros forestaisOutra das novidades desta nova edición é que tiveron prioridade os obradoiros vinculados o eido forestal e ao Camiño de Santiago. En concreto, na provincia de Ourense desenvolveranse 3 iniciativas forestais, nas que se impartirán especialidades de aproveitamento, recolección, repoboación, conservación, silvicultura, construción e mantemento de infraestruturas para a prevención e extinción de incendios e de seguridade e medio ambiente relacionadas tamén coa vixilancia e extinción de incendios.

As outras especialidades ou competencias impartidas nos obradoiros son diversas e van desde albanelería, pasando por xardinería ou atención sociocomunitaria a persoas no domicilio, e mesmo promoción turística local e información ao visitante.

A delegada territorial avanzou que o departamento autonómico dirixido por Francisco Conde apoia os 18 obradoiros promovidos polos concellos de Ourense, Monterrei, A Gudiña, Celanova, O Carballiño, Sarreaus, O Barco de Valdeorras, A Merca, Castro Caldelas, A Veiga, Padrenda, Porqueira, Viana do Bolo e Xinzo de Limia; e polas mancomunidades de concellos da comarca de Ourense, Ribeiro, Terra de Celanova e Santa Águeda, que en total benefician a desempregados de 77 municipios ourensáns.