martes 24/11/20

Obituario

Por veces, hai feitos que simbolizan un cambio no devir normal das cousas. Hoxe, 20 de xullo do 2020 sucedeu tal feito.

                               Ocorre que algunha xente deste mundo ten unha especial forza para representar e representarnos ós limiaos de múltiples formas, tanto ten se de "perroflauta", velliña con certa picaresca baixo da saia, Decimo Xuño Bruto ou, mesmamente, como él era a meirande parte dos días, Manuel Viso. "O Viso".
Tal feito, do que agora estamos a falar, foi a perda dese veciño que pasará a ser un dos máis recordados na historia da nosa vila, como tantos outros que xa forman parte da constelación cultural popular que nos rodea e que con tanta alegría teimamos en recordar pola súa valentía, corazón e, sobre todo polos sorrisos e leccións que nos souberon transmitir a practicamente tódalas veciñas e veciños da nosa vila.

            Hoxe, sen lugar a dúbidas, foi un día certamente tristeiro para aquela xente que tiñamos lazos de amizade co Viso. Posiblemente un dos personaxes máis característicos do noso Entroido e da nosa Festa do Esquecemento. Un personaxe que nunca perdeu forza no seu afán de facer do que el quería con paixón un xeito de ser.

Certo é que a perda doe e sentiremos a súa marcha longo tempo pero, e concretamente do Viso, sempre nos quedará moi marcado no fondo da nosa alma a súa presenza o resto da nosa vida e ,con cada túnica ou cada perruca que calquera de nos volva a por neste ano ou nos próximos, o Viso volverá a rexurdir de novo e festexará como sempre festexou ó carón das súas veciñas e veciños unha vez máis.

            Venme sen poder evitalo, ou sen querer evitalo, aqueles momentos que o Viso esperaba pola sua muller Fina nas portas da miña casa, sentado tranquilamente no banco xunto da Pura. Cando eu pasaba sempre me preguntaba pola miña nai ou pola miña tía Anita, ou polo Entroido, ou polo Esquecemento, do que podo dicir orgullosamente que fundou xunto con algún máis de Xinzo. Cada día. E cada día tamén, nunca deixou de mostrarme un sorriso ou facer certas bromas que mostraban soamente cun brillo nos ollos que aquel homiño tiña no peito un cariño por todo o que o rodeaba que non se podería medir de ningunha forma.

Para min ise será a idea que me a de quedar do Viso de agora en diante. Non preciso máis. E de seguro que non só para min será así. Atreveríame a falar case por todos nós o dicir isto e non erraría moito. O Viso marcoú, como dixen o comezo destas letras, un xeito de facer as cousas, de sentilas e de expresalas que, en certa maneira se está a esquecer. Quen nós dera a nós saber a metade do que este home nos ensinou cada día sen nos decatar. Quén nós dera a nós ter tan fondamente metido no peito a nosa vila, o seu Entroido e a súa historia. Quen nós dera a nos ser a metade de como era o Viso.

O devir normal das cousas cambian cada día, por cousiñas superfluas e insignificantes pero o certo é que desta vez, sen o Viso nas rúas facendo de Xinzo unha mellor vila cambiarán bastante.

Por tódolos veciños de Xinzo. Viso, Xinzo non esquecerá nin cruzando o río!

Iván Prado