sábado 25.01.2020

A Pantalla estará, como sempre, presente na "Mascarada Ibérica"

Celebraráse  do 8 ao 12 de xaneiro en Viana e Vilariño de Conso
A Pantalla estará, como sempre, presente na  "Mascarada Ibérica"

40 persoas de Xinzo participarán na VI "Mascarada Ibérica" que hoxe se presentou en Ourense na Deputación Provincial. Delas 30 irán vestidas de pantalla e o resto irán de apoio ao grupo.

A Deputación de Ourense colabora con este evento cultural que se celebrará do 8 ao 12 de xaneiro, en Viana do Bolo e Vilariño de Conso

A VI edición do Festival Internacional Mascarada Ibérica “ViBoMask” reunirá a 45 grupos procedentes das catro provincias galegas e de diferentes lugares da xeografía española como Cantabria, Castela e León, Castela A Mancha e o País Vasco, aos que sumarán grupos de Portugal e Italia. A presentación deste evento cultural tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández; a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía; e os membros da asociación “Robreda” de Viana do Bolo, Jorge Domínguez e Pedro Basalo.

A Deputación de Ourense colabora con esta celebración que é “un anticipo dun dos maiores eventos culturais da nosa provincia, o Entroido” e desenvólvese en zonas rurais onde “se conservan as verdadeiras raíces da tradición e sinais de identidade”, salientou Rosendo Fernández. Neste mesmo sentido, Secundino Fernández dixo que este evento celébrase “nun concello no que o Entroido vai no ADN da xente” mentres que, Melisa Macía aludiu á crecente afluencia de participantes en cada edición grazas “ao labor que desenvolven as asociacións de ambos concellos e á implicación da sociedade”.

Pola súa parte, Pedro Basalo explicou que intentaron dar “un novo enfoque a esta celebración que pretende conxugar o encontro de máscaras cunha implicación na vida cultural, sobre todo, coa concienciación da sociedade en canto á importancia destas tradicións e destas mascaradas para a identidade dos pobos que as levan”. Así mesmo, nesta edición “temos, en particular, un intercambio cultural cos “Mamuthones e Issohadores” da illa de Sardeña, porque en xuño viaxamos alí e entendemos que a mascarada precisaba crecer, por elo, este ano se chama “ViBoMask” e ampliamos o programa con actividades culturais”, engadiu Pedro Basalo.

Jorge Domínguez destacou a implicación da mocidade de ambos municipios neste evento que pretende “dar a coñecer as nosas tradicións”, afirmando que “un pobo que perde as súas tradicións, perde a súa identidade”.