martes 19/1/21

O PP abre un expediente de expulsión aos concelleiros Manuel Ferreiro e José Antonio Fernández de Rairiz de Veiga

Manuel Ferreiro e José A. Fernández
Manuel Ferreiro e José A. Fernández

O secretario xeral dos populares ourensáns, Rosendo Fernández, advertiu que o partido “nunca permitirá actitudes desleais que prexudiquen á nosa formación, á súa presenza nas institucións e aos seus representantes”.

O Partido Popular de Ourense anunciou a apertura dun expediente de expulsión a Manuel Ferreiro Fernández e José Antonio Fernández González, ambos os dous concelleiros no Concello de Rairiz de Veiga, anunciou esta mañá o secretario xeral dos populares ourensáns, Rosendo Fernández, quen advertiu que o partido “nunca permitirá actitudes desleais que prexudiquen á nosa formación, á súa presenza nas institucións e aos seus representantes”.

O expediente de expulsión, precisamente, baséase no artigo 13.1.d) dos estatutos do PP, que cualifica como infracción moi grave a “manifesta deslealdade ao Partido, aos seus órganos de goberno e representación, entendida esta como toda acción u omisión voluntaria encamiñada a prexudicar o interese xeral do Partido”.

Para Rosendo Fernández, “ambos os dous concelleiros veñen demostrando dende hai tempo que non teñen reparos en obstaculizar o labor de goberno do Partido Popular en Rairiz de Veiga, mesmo poñendo todo tipo de atrancos ao traballo da alcaldesa”.

O secretario xeral dos populares de Ourense foi taxante ao denunciar a falta de ética dos concelleiros, “que na práctica están a facer oposición contra o seu propio partido, posicionándose con outra formación contra as propostas de goberno do PP e ata pedindo a dimisión da rexedora”.

Fernández asegurou que “non imos permitir que os cargos públicos do partido, no exercicio das súas responsabilidades, actúen de forma contraria aos principios e programas da formación, traicionando ao partido que, no seu momento, lles brindou toda a súa confianza para representar aos seus veciños”.

Comentarios