O PP confirma como candidata a Asunción Morgade en Rairiz de Veiga

Foto.Candidata.PPOU.Rairiz.Veiga.web.2019
O PP confirma como candidata a Asunción Morgade en Rairiz de Veiga

Primeira presentación de candidatos do PP na Limia

Manuel Baltar afirma que “contar nas nosas filas cunha das alcaldesas máis novas é unha gran noticia e máis aínda que decida dar o paso para liderar unha candidatura do PP logo de demostrar a súa capacidade de xestión”.

Foto.Candidata.PPOU.Rairiz.Veiga.web.2019Asunción Morgade Rúa (Rairiz de Veiga, 1986) encabezará a lista que o Partido Popular de Ourense presentará á alcaldía de Rairiz de Veiga, procurando así unha nova maioría absoluta para un mandato máis que a candidata non dubida en cualificar como “ilusionante, cheo de retos e de máis experiencia”. Tres anos á fronte do concello nos que, segundo afirmou o presidente provincial, Manuel Baltar, “demostrou ter capacidade de xestión e converterse nun exemplo da nosa aposta por incorporar a xóvenes valores á política municipal”.

Morgade Rúa converteuse en decembro de 2015 na alcaldesa máis nova de España, nun concello no que xa ocupaba o cargo de tenente alcalde. Agora, transcorridos tres anos desde o seu nomeamento como rexedora, a candidata reafírmase na súa principal meta “que non é outra que facer todo o posible polos meus veciños, que é a parte máis bonita que ten ser alcalde, escoitando as súas demandas pero tamén compartindo con eles alegrías ou dándolles apoio nos momentos difíciles”.

Satisfeita coa colaboración da Deputación e do seu presidente, “sempre disposto a escoitar”, e sen deixar de citar á Xunta e a concentración parcelaria desenvolvida neste mandato, Asunción Morgade recoñece que “sempre quedarán cousas por facer, por iso é ilusionante comezar outra etapa”. Con este obxectivo “e da man do PP, como fixemos en 2015, queremos revalidar a confianza dos veciños con outra maioría”, engadiu.

Para o presidente provincial, Manuel Baltar, “contar nas nosas filas cunha das alcaldesas máis novas é unha gran noticia e máis aínda que decida dar o paso para liderar unha lista popular”. A candidata, dixo, “demostrou neste tempo que a mocidade é un plus na política local, cunha gran capacidade para xestionar un concello e presentar e formular proxectos pensados para a súa xente”.

Asunción Morgade “sabe que ten o apoio do partido e estamos seguros de que renovará a confianza das súas xentes, ofrecéndolles catro anos máis de progreso, novos servizos e dotacións para o concello”.

Baltar non só subliñou o pleno apoio á candidata, “senón tamén ao equipo que ela elixa, primeiro porque será xente da súa confianza, que lle acompañará durante outros catro anos na tarefa municipal e, ademais, porque tamén eles terán que traballar con moito esforzo”.