lunes 28/9/20
NOTA DE PRENSA DO GRUPO POPULAR DE XINZO

O PP unha vez máis critica ao grupo de goberno por vender algo que eles non fixeron

O plan de autoprotección que se estrea no Entroido 2020, ten proxenitores, e non son os actuais gobernantes do Concello de Xinzo de Limia
O PP unha vez máis critica ao grupo de goberno por vender algo que eles non fixeron

Pouca memoria ten o grupo de goberno coa boa herdanza recibida do anterior equipo.

Que bonito queda facer unha rolda de prensa e saír na foto con algo que non fíxeche ti, pero xa vai sendo costume de Dna. Elvira e o resto dos concelleiros de goberno omitir as herdanzas e mentir ás veciñas e veciños, facendo crer que o traballo foi feito polo novo grupo de goberno.

O plan de autoprotección que se estrea no Entroido 2020, ten proxenitores, e non son os actuais gobernantes do Concello de Xinzo de Limia. Dito plan contratouse en maio de 2019 polo anterior goberno, asegurando que os futuros organizadores do noso Entroido o tivesen operativo. Nesa contratación tamén están os plans do Conservatorio, Escola de Gaitas, Pavillón e Piscina Climatizada; coa idea de neste ano dotar de plan de autoprotección ao resto de edificios municipais, resto de festexos (Sta. Mariña, Esquecemento,...) e as feiras.

Herdan unha festa de interese turístico internacional,  un espectacular Desfile Infantil, unha comisión veciñal con anos de experiencia,  o Museo Galego do Entroido, maiores ingresos por subvencións, plan de autoprotección, campañas contra a violencia de xénero dentro da festa,...

Pero un novo reto, que era obter o  premio grande  da campaña de Gadis, cun valor de 30 mil €; e tan só conseguimos uns centos de votos, quedando a miles de votos do gañador, Verín.

Alguén traballou nesta campaña? Despois queixámonos da falla de diñeiro.

Claro que hai moito traballo detrás de cada Entroido, e é de agradecer o esforzo que se fai, por parte de moita xente, para poder desfrutar dun festexo sen igual; mais este goberno de traballo e de esforzo vai escaso, aínda que vaia vendendo herdanzas como obras súas.

Viva o mellor Entroido que é o noso!