jueves 09.07.2020

Presas chama á mocidade de Xinzo, para comezar a construír un Ourense vivo e reivindica ao BNG como a alternativa ao PP

O BNG quere ampliar e diversificar a Formación Profesional e establecer unha política de bolsas e axudas para todos os niveis

A candidata do BNG por Ourense, Noa Presas, mantivo un encontro coa mocidade de Xinzo de Limia acompañada polo concelleiro do BNG da localidade, Ramiro Rodríguez, e o candidato ao Parlamento, Diego Lourenzo. Presas reivindicou ao BNG como a alternativa para a mocidade que quere un Ourense vivo e sinalou a necesidade dun cambio político o vindeiro 12X que aposte pola mocidade para liderar a transformación que a circunscrición precisa.

Durante o encontro, Noa Presas indicou que Ourense se atopa nun contexto difícil, onde a mocidade se atopa “en perigo de extinción”. Así mesmo, engadiu que a situación post coronavirus, as condicións europeas e os recursos do Estado exercerán presión á hora das eleccións galegas: “estamos nun momento clave” sinalou Presas. Mais a candidata mostrouse confiada no papel que desenvolverá a mocidade neste contexto e confiará no modelo defendido polo BNG para estes comicios. “Hai dúas opcións: a nova discriminación ás maiorías sociais e a esta parte do país, ou a folla de ruta diferente que defendemos desde o BNG” enumerou.

Por outra banda, a candidata do BNG por Ourense fixo fincapé na restrición de dereitos e a liberdade de expresión que se foron sucedendo ao longo destes 11 anos de Partido Popular á fronte da Xunta de Galiza. “Víronse as costuras do neoliberalismo e da dependencia a Madrid”

                               Presas sinalou que é necesario unha “aposta política firme a partir do 12X para xerar emprego e dinamismo económico tanto reindustrializando todo o noso potencial como apostando na transformación e a innovación do sector agrogandeiro”
A candidata fixo unha mención ao que está acontecendo cos centros de día e cos centros de discapacidade como LISIMI pola decisión “drástica” da Xunta de Galiza de demorar a reapertura até o un de setembro. Incidiu na necesidade de reforzar os servizos públicos no rural “para que a xuventude poida desenvolver os seus proxectos vitais”.

Asemade, a candidata comprometeuse a ampliar e diversificar a Formación Profesional e establecer “unha política de bolsas e axudas en todos os niveis do ensino”.

O BNG representa a maioría do electorado máis novo

Noa Presas sinalou que “o BNG é a forza política que máis apoio recada entre a mocidade” e é necesario “combater a resignación e o síndrome de Estacolmo de 11 anos de Partido Popular. Explicou que moita xente nova hoxe non coñeceu outra cousa que non foran os gobernos de Feijóo e a precariedade laboral ou mesmo o éxodo a outras partes do mundo. Fronte a esta situación o BNG preséntase para romper esta inercia e apelaron á mocidade para comezar a construír un mellor país. “Hoxe o BNG é a forza que máis medra na mocidade e nós somos a candidatura do inconformismo” destacou Presas.