Preto de nove mil estudantes e docentes participan na 6ª Semana Escolar da Provincia, que organiza a Deputación de Ourense

Xosé A. Perozo e Manuel Baltar
Preto de nove mil estudantes e docentes participan na 6ª Semana Escolar da Provincia, que organiza a Deputación de Ourense

A temática deste ano está marcada pola exposición In tempore Sueborum, “o fito cultural máis importante de Ourense, e a través desta Semana Escolar seguimos poñendo en valor a nosa historia para que os escolares da nosa provincia sigan afondando no coñecemento do noso territorio”, sinalou Manuel Baltar

A 6ª Semana Escolar da Provincia, que organiza a Deputación de Ourense para achegar un mellor coñecemento da provincia á comunidade educativa, afondará na historia da presenza sueva na Gallaecia a través de diferentes actividades que se desenvolverán do 26 ao 30 de novembro, nos 63 centros educativos inscritos. En total 8.882 participantes, entre alumnado e docentes, traballarán durante eses días nas actividades propostas e contarán co libro manual editado para esta finalidade, Crónica do Regnum Sueborum, escrito por Xosé A. Perozo e ilustrado por Ana Costas. A presentación tivo lugar hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o escritor.

O presidente do goberno provincial dixo que esta iniciativa “xa consolidada” leva a desenvolverse desde hai seis anos, sendo “unha das máis importantes pola achega de coñecemento da nosa provincia aos máis novos, que un ano máis volve a ser un éxito coa participación de 8.882 persoas, entre alumnos e docentes, que se unen a esta iniciativa que afondará, nesta ocasión, no reino suevo”. Neste sentido, Baltar comentou que a temática deste ano está marcada pola exposición In Tempore Sueborum, “o fito cultural máis importante da nosa provincia, e a través desta Semana Escolar seguimos poñendo en valor a nosa historia para que os escolares da nosa provincia sigan afondando no coñecemento do noso territorio, neste caso referido ao mundo suevo”, expresou Manuel Baltar.

Como xa vén sendo tradicional, celebrarase un ano máis a xornada de portas abertas no Pazo Provincial, coa participación do presidente da Deputación, quen lembrou que nesta edición os visitantes, ademais de coñecer o despacho do presidente, a sala de xuntas, a exposición “Voces da Ourensanía”, a Galería de presidentes e o Salón de Plenos, visitarán a antiga biblioteca, na que estarán os restos mortais de Rodolfo Prada.

Pola súa parte, Xosé A. Perozo, quen destacou a transcendencia internacional que tivo a exposición In Tempore Sueborum, dixo que o libro editado para esta ocasión é froito dun arduo traballo de investigación, “unha crónica para que os rapaces teñan unha visión global da historia de Ourense neste período”.

O libro, protagonizado por unha personaxe de ficción chamada Bisula, unha moza sueva que un século despois da desaparición do reino suevo da Gallaecia decide investigar o seu pasado. Bisula nace en Bande e conta coa axuda do seu avó e unha serie de anciáns sabios que a irán iluminando na súa procura de información. Ao longo da obra, Bisula vai narrando o desenvolvemento da historia da presenza sueva en Galicia e tamén en toda a Península Ibérica, tanto desde a perspectiva territorial como de estratexia política, relixiosa e económica.

Ademais do libro, elaborouse un programa con propostas de traballo e editouse unha guía do profesorado con pautas para empregar o manual, e no que traballarán ao longo desa semana os 619 docentes inscritos co alumnado de ESO e 6º de Primaria.

Actividades paralelas

No marco desta Semana Escolar, a xornada de portas abertas no Pazo Provincial será o día 1 de decembro, desde as 11.00 ás 14.00 horas. Así mesmo, como conclusión das actividades, o día 30 de novembro ás 12.00 horas, os centros participantes realizarán unha serie de actos relacionados cos traballos que fixeron ao longo da semana escolar. E, por último, o día 5 de decembro, ás 16.00 horas, o alumnado do colexio Maristas de Ourense visitará o Pazo Provincial e celebrará un Pleno Infantil relacionado coa temática da semana escolar.