O PSDEG-PSOE DE XINZO DENUNCIA O CALAMITOSO E PERIGOSO ESTADO DAS PONTES QUE ATRAVESAN O RÍO LIMIA Ó SEU PASO POLO MUNICIPIO

image001
O PSDEG-PSOE DE XINZO DENUNCIA O CALAMITOSO E PERIGOSO ESTADO DAS PONTES QUE ATRAVESAN O RÍO LIMIA Ó SEU PASO POLO MUNICIPIO

Os socialistas denuncian o desleixo e abandono xeral de todo o municipio e dubidan que o novo alcalde autoproclamado que non mira á xente de fronte, sexa capaz de ver tanta desfeita

image001O PSdeG-PSOE de Xinzo denuncia o calamitoso e perigoso estado dalgunas das pontes que atravesan o río Limia ó seu paso por este municipio ourensá. A portavoz municipal,Elvira Lama, cualifica de “perigosa, calamitosa e intolerable” a “evidente situación de abandono na que se atopa sumido o concello, no que as deficiencias políticas provocan outras que son tan graves que poñen en risco a vida das persoas”.

Lama denuncia o “estado de perigosidade que presentan varias pontes sobre o río Limia, nas que faltan varandas de ferro nunha das beiras ou, no peor dos casos, nas dúas beiras”.Estas pontes son infraestruturas de paso de veciños e veciñas que se adican a labores agrogandeiras, que comunican diversas vías agropecuarias para dar acceso a granxas e parcelas, e que evitan rodeos innecesarios, xa que facilitan e acurtan distancias para acceder ós predios”, explica a portavoz do PSdeG-PSOE. “É incomprensible que non dispoñan de elementos de seguridade básicos”, salienta.

Os socialistas de Xinzo salientan que “son zonas de paso que obrigatoriamente deben contar con mantemento e reparación para evitar males maiores con resultado desgraciado”. Tamén recordan que a falta destes elementos básicos de seguridade “podería provocar que alguén caera co seu vehículo ó río, sobre todo persoas que utilizan as pontes na noite ou ó amencer”.

“Unha desas pontes está á beira do Camiño de Santiago que discorre en paralelo o río Limia, xusto antes de entrar na vila, unha zona coñecida como o Mato de Baronzás, e nese paso concreto falta a baranda dun dos laterais polo que, desde hai tempo, ten colocada unha sinxela cinta que durante a noite apenas se aprecia e que non é elemento de protección e seguridade” relatan. “O máis grave é a falta de reposición durante días e días, sen a mínima preocupación por parte do PP local”, denuncia Lama.

A portavoz recorda que o desleixo e a desatención é xeral: “A situación de abandono percorre rúas e prazas, xardíns e parques, zonas de concentración industrial como o polígono, o sector servizos ou a hostalería, e tamén esmorece por falta de iniciativas públicas con ofertas de ocio que inviten ós forasteiros a visitarnos e a quedar”. Os socialistas de Xinzo denuncian semana tras semana o desleixo público e manifesto que sufre todo o concello por culpa do desgoberno local do PP. Un desleixo que enfada á veciñanza e ós visitantes que “non fan máis que laiarse do estado lamentable que presenta a vila capital de comarca e que foi, con bo mérito, a envexa doutras hai 20 anos, mentres que agora calquera dos concellos da contorna dannos mil voltas”. “Dubidamos moito que o novo alcalde autoproclamado que non mira á xente de fronte, sexa capaz de ver tanta desfeita”, conclúen.