miércoles 30/9/20

O PSDEG-PSOE DE XINZO ESIXE Ó CONCELLEIRO DE OBRAS QUE DEIXE DE MENTIR E ESCORRER O VULTO TRAS DESTAPAR OS SOCIALISTAS QUE OS PASOS DE PEÓNS DA VILA INCUMPREN A LEI

“Sieiro debe deixar de presumir do que non fai porque non se lle paga para que minta descaradamente e escorra o vulto dunha desfeita que é culpa só da súa vergoñenta inoperancia” declara a voceira

Elvira

Elvira Lama denuncia que o PP “empecínase en mirar cara outro lado”, e reclama ó concelleiro responsable desta perigosa desfeita “máis responsabilidade e menos terquedade” .

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia esixe ó concelleiro de Obras, Urbanismo e Infraestruturas, Ricardo Sieiro, deste municipio ourensán que deixe de mentir descaradamente e de escorrir o vulto, culpando a outras administracións da súa caótica inoperancia que provocou “unha perigosa desfeita” nos pasos de peóns. Así o destapa un informe asinado polo inspector xefe da policía local, no que se certifica que unha trintena de pasos presentan eivas como falta de visibilidade; ausencia de sinalización vertical; mal estado da pintura; ou problemas de iluminación, que incumpren a normativa que regula esta sinalización viaria básica.

A voceira do grupo municipal socialista, Elvira Lama, salienta que “da trintena de pasos de peóns analizados só nove están na estrada nacional 525, polo que a meirande parte da responsabilidade deste grave problema de seguridade é única e exclusivamente do Concello de Xinzo”, asegura a portavoz socialista ante as declaración do concelleiro coas que culpa ó Ministerio de Fomento. Lama tamén recorda que “o goberno local do PP é responsable, en todo caso, de que sinalización e iluminación estean en bo estado, de forma activa, pero tamén de forma pasiva mediante as correspondentes demandas ós diferentes titulares das vías do municipio”, polo que esixe ó concelleiro “que mostre de inmediato os escritos nos que solicitou, ó longo destes últimos oito anos, ó Ministerio de Fomento, as melloras necesarias nos pasos de peóns”.

“Ricardo Sieiro debe deixar de presumir do que non fai porque cobra unha adicación exclusiva que non se lle paga para que minta descaradamente e escorra o vulto dunha desfeita que é culpa só da súa vergoñenta inoperancia”, explica. “A pesar de coñecer os problemas non moveu un dedo, todo sigue igual, e cando lle destapamos as vergonzas que poñen en risco a seguridade da veciñanza, empecínase en mirar cara outro lado”, asevera Lama antes de concluír esixindo “máis responsabilidade e menos terquedade” a Sieiro.