O PSDEG-PSOE DE XINZO DE LIMIA INDAGA UN SUPOSTO TROCEAMENTO ILEGAL DE CONTRATOS PARA ADXUDICAR OBRAS MENORES A DEDO NOS PARQUES DA VILA

Elvira Lama 1
O PSDEG-PSOE DE XINZO DE LIMIA INDAGA UN SUPOSTO TROCEAMENTO ILEGAL DE CONTRATOS PARA ADXUDICAR OBRAS MENORES A DEDO NOS PARQUES DA VILA

O grupo municipal recolle as críticas veciñais e denuncia o tremendo cambalache de obras sen planificación algunha que están a provocar unha desfeita nos parques da vila

Elvira Lama anuncia un proxecto integrador para facer do parque do Toural e do tramo urbano do río Limia un gran e moderno espazo de lecer que impulsarán tralo cambio de goberno logo das eleccións

Elvira Lama 1 Ourense, 18 de xaneiro de 2018. O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia está a indagar un suposto troceamento ilegal de contratos para adxudicar obras menores a dedo executadas nun parque. Os socialistas denuncian un “tremendo cambalache de actuacións menores argalladas polo goberno local do PP sen a máis mínima planificación” que, ademais, están a provocar unha importante desfeita no estado óptimo destes espazos públicos. A portavoz no concello, Elvira Lama, salienta que xa pediron acceso á información concreta desta sospeitosa sucesión de obras menores, e critica deficiencias nas actuacións realizadas, xa que “as obras que se fan cada ano por parte dos distintos obradoiros, non fan mais que esnaquizar o que xa está feito para deixalo peor”. Ademais anuncia un proxecto integrador para facer do parque do Toural e da contorna do río Limia un moderno espazo de lecer, que os socialistas impulsarán tralo cambio de goberno de maio.

As continuadas reformas no parque da zona do Pombal merece as críticas pola “falta total dun proxecto de conxunto, que permita executar unha remodelación integral da totalidade da superficie”, sen estar actuando “ós poucos, adoquíns por un lado, corcho por outro, logo beirarrúas, despois parterres, en actuacións separadas e inconexas”, segundo afirma Lama “para poder adxudicar a dedo contratos menores que, de ser pola totalidade do importe, terían que tramitarse mediante un concurso entre varias empresas en concorrencia competitiva”. Así pois, a portavoz anuncia que os socialistas xa solicitaron os expedientes destas diversas adxudicacións, para saber se puidera estar a producirse, por parte do goberno local do PP, un fraccionamento de obras prohibido expresamente pola lexislación vixente en materia de contratación.

“Outro espazo que lonxe de mellorar en cada actuación, co paso dos anos se atopa nun estado máis lamentable por falta de un proxecto claro e serio do que se quere facer nel”, sinala, é o parque do Toural, situado xusto ó carón do río Limia. “A falta de proxectos do grupo de goberno para actuacións en casos concretos como estes parques, están a provocar un importe malestar e críticas airadas entre os veciños e veciñas, que observan como se malgastan cartos en poñer metros e metros de adoquíns de pedra, cando noutros parques de vilas e cidades importantes, se están a retirar”, explica o grupo municipal. A portavoz critica ó concelleiro de obras, Ricardo Sieiro, xa que “cobrando unha importante dedicación exclusiva, non ten a máis mínima idea de como se deben facer estas necesarias actuacións nos lugares de esparexemento”. Tamén cuestiona a inoperancia do alcalde, Manuel Cabas, xa que a vila “precisa moito máis que estes remendos cutres ós que chama pomposamente ‘humanizar Xinzo’, xa que foron eles os que permitiron os importantes danos e o estado calamitoso dos nosos parques durante 15 anos”.

Proxecto integrador de espazos verdes

O PSdeG-PSOE de Xinzo anuncia que xa dispón dun innovador proxecto integrador, co fin de facer do parque do Toural e do tramo urbano do río Limia, un verdadeiro espazo de lecer moderno e de gozo para toda a veciñanza, como teñen noutras vilas da contorna. Polo que manifestan o seu “compromiso de poñelo en marcha inmediatamente logo do cambio de goberno municipal que estamos seguros se producirá nesta vila ourensá a partires do mes de maio, despois das vindeiras eleccións locais”.