O PSDEG-PSOE DE XINZO RECLAMA UNHA BATERÍA DE INFORMES PARA DETERMINAR AS CONSECUENCIAS ECONÓMICAS DA BAIXADA DOS 10.000 HABITANTES NA VILA

IMG_5691
O PSDEG-PSOE DE XINZO RECLAMA UNHA BATERÍA DE INFORMES PARA DETERMINAR AS CONSECUENCIAS ECONÓMICAS DA BAIXADA DOS 10.000 HABITANTES NA VILA

Segundo os datos dos que dispoñen os socialistas, o 1 de xaneiro de 2018 había 9.875 habitantes censados, pero o pasado mes de abril esta cifra xa caera ata as 9.834 persoas

O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia rexistrou un escrito no Concello reclamando unha batería de informes técnicos, co fin de determinar as consecuencias nas arcas municipais, da baixada dos 10.000 habitantes do municipio, debido á redución das aportacións económicas de outras Administracións Públicas. Segundo os datos dos que dispoñen os socialistas, o 1 de xaneiro de 2018 había 9.875 habitantes censados, pero o pasado mes de abril esta cifra xa caera ata as 9.834 persoas. E, por iso reclaman un informe de secretaría municipal que determine as consecuencias xurídicas; outro informe do departamento de intervención e tesourería sobre as consecuencias económicas; así como o importe dos cartos que se deixarán de percibir provintes das aportacións do Goberno central e da Xunta de Galicia.

IMG_5492“Esta constante perda de habitantes e a inacción do goberno local, que está máis ocupado do censo interno do PP que do censo de toda a veciñanza, provocará consecuencias moi desfavorables para as arcas municipais e, por tanto, para todas e todos nós”, salienta a portavoz, Elvira Lama, antes de recordar que “o financiamento procedente do Estado e da Xunta, en boa parte, ven determinado polo número de habitantes, entre outras variables, e o descender das 10.000 persoas a redución de financiamento pode ser moi cuantiosa”.

Lama recorda que o pasado ano 2017 foi aprobada unha moción socialista que propoñía unha batería de medidas, co fin de aumentar o empadroamento e frear o despoboamento que sufre o municipio durante o último lustro. Hai que recordar que en 2012, en Xinzo vivían 10.358 persoas. “Durante todo este tempo non se fixo absolutamente nada, a pesar do acordo plenario, e xa estamos nunha situación claramente irreversible”, asevera a portavoz. “A cidadanía debe ser consciente das consecuencias económicas que lle vai ocasionar a falta de empadroamento ante este tropezón demográfico, porque o grupo de goberno local segue de brazos cruzados e a mirar cara outro lado”, conclúe.